Pestanas principais

O alumnado da escola infantil O Bosque realizou a súa propia vendima

Luns, 10 de outubro de 2011

[10-10-2011] A Escola Infantil Municipal O Bosque está celebrando durante o mes de outubro a chegada do outono e un dos mellores xeitos de festexala é facendo a vendima. As uvas foron as protagonistas neste centro de ensino durante a semana pasada. Os nenos e nenas de 2 a 3 anos recolleron as uvas que anteriormente trouxeran as súas familias da casa. Despois de estar varios días, probando, manipulando, espremendo, debuxando, cheirando... en resumo, manipulando as uvas de distintas formas, as profesoras explicáronlles aos cativos/as que tiñan que pisar as uvas, como se facía antes, para poder sacarlles o zume.


Os pequenos e pequenas da Escola Infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns estiveron traballando, aprendendo e gozando ao mesmo tempo. Durante a semana pasada, os cativos da Escola infantil municipal O Bosque desenvolveron diversas actividades relacionadas coa vendima.

Primeiro recolleron as uvas que trouxeran previamente as familias. Despois, estiveron varios días, probando, manipulando, espremendo, debuxando, cheirando, en resumo, manipulando as uvas de distintas formas. Por último, as profesoras explicáronlles aos cativos/as que tiñan que pisar as uvas, como se facía antes, para poder sacarlles o zume que eles beberon e co que tamén se fai o viño que algúns pais, nais ou avós/as beben nas comidas.


Os nenos e as nenas descalzáronse, remangáronse e todos/as quixeron participar pisando enerxicamente as uvas ata non deixar nada delas. Aínda que recolleron todo o zume en xerras, eles tomaron un zume de uva que a cociñeira tiña preparado para a ocasión.

Aos nenos/as encantoulles a experiencia. Participaron nunha vendima moi especial e pasárono moi ben. Coma sempre, os pais e nais terán na entrada do centro unha ampla reportaxe fotográfica para que cando veñan a recoller os seus fillos/as poidan ver o resultado da actividade. A vendima forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque.