Pestanas principais

O alumnado da escola infantil O Bosque celebrou o Magosto

Luns, 19 de novembro de 2012

[19-11-2012] A Escola Infantil Municipal O Bosque está celebrando durante os meses de outubro e novembro a chegada do outono. Que mellor xeito de festexar a chegada desta estación que organizando un magosto. A castaña foi a auténtica protagonista desta festividade. Previamente, participaron nunha excursión ao Pazo da Peregrina para recoller follas secas, ollar os cogomelos, e recoller landras e castañas. Ademais probaron froitas desta época do ano como o kiwi, a mandarina, a granada, a mazá, etc. Coas receitas que levaron os/as pais/nais fixeron o Receitario de Outono deste ano. Accedendo á nova completa poderás descargar este receitario. Durante esta semana os pais e nais poderán ver na escola unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades.

Durante as últimas semanas os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns estiveron traballando e realizando diferentes actividades relacionadas coa chegada do outono, tal e como se recolle na programación anual e trimestral desta escola. Durante as últimas semanas as mestras explicáronlle aos rapaces e rapazas os cambios que se producen na paisaxe durante esta estación. Tamén probaron froitos de outono como as noces e as abelás, así como froitas desta época do ano (kiwi, mandarina, granada, mazá, etc.).

Previamente, os nenos e nenas de 2 a 3 anos visitaron o Pazo da Peregrina para recoller follas secas, ollar os cogomelos, e recoller landras e castañas. Ademais, observaron os cambios que se producen na natureza durante esta estación. As landras que recolleron no Pazo da Peregrina plantáronas na horta da escola, mentres que as follas empregáronas despois nos obradoiros de outono que realizaron. Por outra banda, os cativos e cativas de 1 a 2 anos recolleron as follas no patio da escola. Atoparon caracois que coidaron e alimentaron durante toda a semana e despois devolvéronos ao campo.

Por último, o alumnado participou nun obradoiro de disfraces no que deseñaron os seus traxes de castaña, cabaza, espiga, folla, etc. Despois, o día da festa do Magosto, os nenos/as representaron a peza “Indo para o Magosto”, baseado no conto “Indo para o Samaín” de Carlos e Sabela Labraña.


Preparativos do Magosto
Durante a semana pasada os cativos e cativas estiveron cociñando diferentes produtos de sobremesa que comeron na festa do Magosto, que se celebrou o venres 16 de novembro. Os pais e nais proporcionáronlle varias receitas de cociña para que os rapaces e rapazas puideran cociñar diferentes sobremesas. Cada clase fixo unha lambonada seguindo as pautas das receitas máis sinxelas que anteriormente escolleron. Pero ademais das lambonadas os nenos e nenas puideron gozar do produto estrela do outono: a castaña. Nesta festa houbo tamén houbo piñatas cheas de follas secas e música para bailar.

Estas actividades forman parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque. Esta semana os pais e nais poden ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades na porta de entrada á escola e os que queiran poderán facer copias das fotos que máis lles gusten. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar o receitario de outono do curso 2012-2013.