Pestanas principais

O alumnado da Escola Infantil O Bosque celebrou o Día do Libro cunha visita á Biblioteca municipal de Bertamiráns

Martes, 06 de maio de 2014

[06-05-2014] Os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns celebraron durante o mes de abril o Día Internacional do Libro, que se conmemora en todo o mundo. Os alumnos e alumnas de 2 a 3 anos realizaron unha visita á Biblioteca municipal de Bertamiráns, para ter un primeiro contacto con este espazo de lectura. Ademais, escoitaron o conto “Paco , Papán”. A saída dos alumnos/as de 1 a 2 anos tivo que ser suspendida debido ó mal tempo.

Co fin de achegalos ao mundo dos libros e de fomentar o seu interese pola lectura, durante o mes de abril os alumnos/as da escola infantil O Bosque realizaron unha saída en grupo para experimentar un primeiro contacto coa Biblioteca municipal de Bertamiráns.

Os nenos, que se desprazaron en autobús, puideron escoitar o conto 'Paco, Papán', que fala das distintas profesións, tema co que estiveron traballando o mes pasado na escola. Ademais, o persoal da Biblioteca municipal puxo ao seu alcance numerosos contos, que puideron gozar durante toda a súa visita ás instalacións.

No marco das celebracións con motivo do Día do Libro, a Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns tamén levou a cabo outras actividades pensadas para os máis pequenos. Deste xeito, na última semana os rapaces puideron levar dos seus fogares os contos que máis lles gustan para poder compartilos cos seus compañeiros de clase.

Por outra banda, o último venres de abril houbo unha gran festa no patio da escola na que a temática xirou arredor dos contos. Esta actividade forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque.