Pestanas principais

O alumnado da escola infantil municipal O Bosque celebrou o san Xoán

Xoves, 25 de xuño de 2015

[25-06-2015] Coma marca a tradición o pasado martes 23 de xuño, véspera de San Xoán, os rapaces e rapazas da escola infantil municipal O Bosque fixeron O Cacho e practicaron o salto da cacharela. A través desta actividade, que está recollida na programación anual desta escola, inténtase mostrarlle aos nenos e nenas as diversas celebracións que se realizan na nosa sociedade e as costumes que xiran arredor delas.

Previamente, os nenos/as, acompañados de seus pais/nais, recolleron as herbas típicas de san Xoán e tamén auga dalgunha fonte. De seguido levaron as herbas e a auga ata a escola onde elaboraron unha auga aromática coa que puideron lavar a cara e espantar as meigas. Ademais fixemos un lume, nada perigoso, para poder practicar o salto que despois fixeron cos seus pais e nais na noite de san Xoán.

Todas as actividades levadas a cabo na escola infantil municipal O Bosque con motivo do san Xoán están reflectidas nas fotografías que se tomaron durante esta semana e que xa están expostas na entrada da escola. Deste xeito, todos os pais e nais que o desexen poderán ver como traballaron os seus fillos arredor desta temática e continuar con esa labor nas súas casas para reforzar o que xa aprenderon.