[04-06-2012] Os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal O Bosque non paran de facer obradoiros e celebracións como nos teñen acostumados. Neste caso a escola quixo dedicar a segunda quincena de maio á celebración da arte. Esta iniciativa vense realizando nos últimos anos. A través da arte, os nenos e nenas poden expresar os seus sentimentos e a súa creatividade mentres experimentan con materiais novos. Este ano a quincena da arte estivo dedicada ao artista galego Xurxo Alonso.
Dentro da programación da Escola Infantil Municipal O Bosque, todos os anos nas últimas semanas de maio ou nas primeiras de xuño, celébrase a quincena da arte. Os nenos e nenas de 1 a 3 anos experimentan a arte dun xeito sensorial. Para iso, empregan elementos como pinturas para os dedos e plastilina. A través destes materiais poden expresarse libremente, ademais de ser unha actividade esencial no seu desenvolvemento motor.
Os obxectivos establecidos na gardería O Bosque durante a quincena da arte foron traballar coas cores, as formas xeométricas máis sinxelas e o esquema corporal a partir dalgunhas das obras máis coñecidas do artista galego Xurxo Alonso. Toda a semana foi un gran obradoiro de plástica na que todos os nenos, dende os bebés ata os maiores e o persoal da escola, transformáronse nuns auténticos pintores e imitaron as obras deste artista galego.
Os cativos e cativas de O Bosque gozaron dunha semana chea de cor e diversión. Os rapaces e rapazas imitaron varias obras de Xurxo Alonso. Para iso, os nenos/as traballaron con material de refugallo. Empregaron cartón de distintas texturas, cortiza, pintura, pinceis, rolos, botellas de plástico, recipientes baleiros de iogures, purpurina, labras de cores, etc. Con todo isto os nenos/as fixeron unha interpretación libre de diferentes obras de Xurxo Alonso.
Ademais, os rapaces e rapazas tiveron a sorte de que Xurxo Alonso puido achegarse á escola para pasar un momento cos nenos/as e ver todo o que fixeron na escola ao longo da quincena da arte, sempre baseándose na súa obra. Como recompensa a esta visita o alumando do Bosque regaloulle unha pequena obra de arte realizada polos propios nenos/as da escola.
Ao rematar a semana, todas as obras quedaron expostas na entrada da escola para que todo o mundo as puidera ver, xunto cunha reportaxe fotográfica para que os pais e nais puideran facer copias e quedar cun recordo. Os profesionais da Escola Municipal Infantil O Bosque saben que a arte é importante para incrementar a imaxinación dos nenos e nenas. Os pais e nais quedaron encantados cos seus pequenos artistas.