Pestanas principais

O alumnado da escola infantil municipal O Bosque celebra o Entroido

Luns, 16 de febreiro de 2015

[16-02-2015] O venres pasado o persoal e o alumnado da escola infantil O Bosque, de Bertamiráns, celebraron unha festa para dar a benvida ás datas do Entroido. Pola mañá, os máis cativos aproveitaron esta oportunidade para lucir os seus disfraces feitos por eles mesmos. Pola tarde, houbo unha festa na que se xuntaron nenos, pais e o persoal do centro de ensino para compartir unha xornada de bo humor con produtos típicos do Entroido, música e diversión.

Durante o mes de febreiro as actividades que se desenvolveron na EIM O Bosque xiraron arredor da celebración do Entroido. Nos talleres de plástica os rapaces elaboraron os seus propios disfraces, que este ano tiveron como temática principal os Contos Populares. Deste xeito, os alumnos e alumnas disfrazáronse de Pinocho, 101 Dálmatas, Peter Pan, A ratiña Presumida, Carapuchiña e o Lobo, Frozen e Brancaneves.

Unha vez rematados os disfraces, o persoal da escola e o alumnado prepararon algunhas receitas sinxelas de Entroido, que comeron na festa que organizaron o venres pasado pola mañá. Nesta festa houbo música, piñatas e por suposto os rapaces e rapazas puxeron os disfraces feitos anteriormente.

Xa pola tarde, organizaron unha merenda á que asistiron todas as familias disfrazadas e na que os asistentes puideron bailar e conversar todos xuntos. A maioría dos pais e nais acudiron a esta festa disfrazados ao igual que os seus fillos e fillas. A temática dos disfraces para esta festa foi libre. Por outra banda, o persoal da escola elixiu o tema de culturas do mundo para disfrazarse (exipcios, mexicanos, indios e chinos).