[25-04-2013] Como soe ser habitual cada ano, un grupo de preto de 50 nenos e nenas da escola infantil municipal da Madalena visitaron o salón de plenos onde foron recibidos polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e concelleiros/as do goberno municipal. Os rapaces, de 2 e 3 anos, puideron sentarse nas cadeiras que ocupan o alcalde e os concelleiros durante os Plenos e puideron sacar unha foto co bastón do rexedor. A continuación baixaron á praza do Concello, onde subiron na moto e nun dos coches da Policía Local de Ames.
A visita comezou no salón de Plenos onde os 50 nenos e nenas que participaron nesta actividade foron recibidos polo alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e o edil de Vías e Obras, Alfredo Taboada. Os nenos e nenas ocuparon por un día os espazos de responsabilidade dos maiores, amosándose encantados con esta iniciativa e sentáronse nas diversas butacas do salón de Plenos. Por último, o alumnado fíxolle entrega dun pequeno agasallo ao alcalde feito na escola para que o teña no seu despacho.
Despois de estar no salón de Plenos os cativos baixaron ata a praza do Concello. Alí, os nenos e nenas puideron montar na moto e conducir un dos coches da Policía local. Isto foi o que máis lles gustou da visita, pois resultoulles moi emocionante poder conectar o sistema de alarmas da moto e do coche e ver as súas luces funcionando, así como poñerse os cascos que empregan os e as motoristas da Policía local.
Cómpre dicir que esta actividade enmárcase dentro do programa Coñecendo o contorno máis próximo. Todas as actividades deste programa teñen como obxectivo achegar aos nenos e nenas ao seu exterior máis inmediato, así como ensinarlle o funcionamento de distintos organismos que son fundamentais para a súa vida diaria, como a Policía local, grupo indispensable na protección e atención ao cidadán, tal como aprenderon esta mañá os cativos.




