Pestanas principais

O alumnado da escola infantil municipal da Madalena celebrou a súa festa de fin de curso

Venres, 14 de xuño de 2013

[14-06-2013] A escola infantil municipal da Madalena celebrou onte pola tarde na Casa da Cultura do Milladoiro o seu tradicional festival de fin de curso. Os nenos e nenas, pais e nais, profesores e persoal da escola infantil gozaron de actuacións musicais dos alumnos e alumnas maiores, de 2 a 3 anos, das profesoras e dunha sorpresa: a presenza dun adestrador de cans que lles ensinou aos máis pequenos/as as destrezas dunha cadela chamada Iria.


Excursión a Tapia
Para poñer punto e final ao curso, os nenos e nenas da escola infantil da Madalena, acompañados das súas familias, foron de excursión á praia fluvial de Tapia. A visita comezou ás 11:30 da mañá cun espectáculo de monicreques. Unha vez rematou este espectáculo, participaron en diferentes xogos tradicionais e nos obradoiros de globoflexia, maquillaxe, pintado de casiñas e elaboración de pulseiras. Ás 14:00 tivo lugar a comida e, seguidamente, os nenos e nenas gozaron dunha festa con inchables.

Os nenos e nenas de 2 a 3 anos interpretaron no festival varias cancións: 'A canción da formiguiña fumosa', 'A sereiña' e 'Contos e encantos'. Pola súa banda, as profesoras interpretaron o baile da canción 'O pirata metepata'.

Tras as actuacións musicais, o acto de fin de curso continuou coa tradicional entrega dos diplomas, na que colaborou o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. A festa da escola infantil municipal da Madalena rematou cunha merenda na que tanto pais e nais, como nenos e o persoal da escola pasaron un anaco moi relaxado onde aproveitaron todos para despedirse entre petiscos.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alumnado da escola infantil municipal da Madalena celebrou a súa festa de fin de curso"