[16-03-2015] Un ano máis os nenos e nenas de 2 a 3 anos da Escola Infantil Municipal A Madalena visitaron a oficina de Correos do Milladoiro, para enviar a postal que felicitará aos seus pais este xoves, 19 de marzo, con motivo da celebración do día do Pai. Ademais, os traballadores desta oficina explicáronlle aos nenos/as o funcionamento deste servizo. Esta actividade encádrase dentro do programa de saídas que realizan ao longo do ano, para ir coñecendo os servizos do seu entorno que son fundamentais para a súa vida diaria. Por último, os nenos e nenas puideron xogar no parque infantil que está ao lado da oficina de Correos.
Dar a coñecer aos máis pequenos o seu entorno inmediato de forma que poidan desenvolverse no seu día a día e aprender sobre aquilo que teñen máis próximo son os obxectivos do programa Coñecendo o entorno máis próximo. Nesta ocasión, os nenos e nenas de 2 a 3 anos de idade da Escola Infantil Municipal A Madalena do Milladoiro visitaron a oficina de Correos situada preto do seu centro e pasaron unha mañá diferente, entretida e instrutiva.
Alí puideron observar o traballo diario que levan a cabo os diversos operarios e o sistema de funcionamento da oficina de Correos do Milladoiro. A viaxe constou de dúas partes. Primeiro os nenos e nenas tiveron que escribir na escola unha postal e introducírona nun sobre coa dirección do seu domicilio. A continuación dirixíronse a pé á oficina de Correos onde selaron a devandita postal e enviárona co obxectivo de felicitar aos seus pais nunha data tan sinalada como é a do 19 de marzo.
Os nenos e nenas puideron andar cun dos carros e meteron as súas cartas nunha caixa de correos. Deste xeito, cando lles chegue á casa, poderán comprender un pouco mellor o conxunto do traballo que se fai en Correos, vendo como a postal que deixaron na oficina está agora na casa.