Pestanas principais

O alumnado da escola infantil A Madalena participou nunha sesión de contacontos en inglés

Venres, 29 de maio de 2015

[29-05-2015] Este xoves pasado, 28 de maio, o persoal de Kids&US language school de Santiago de Compostela estivo nas instalacións da escola infantil A Madalena para ofrecerlles aos nenos e nenas deste centro educativo unha sesión de contos en inglés. Esta é unha actividade organizada conxuntamente pola dirección da escola e pola ANPA da Madalena, que estaba dirixida a todos os nenos e nenas do centro e ás súas familias.


Dende o centro Kids&US language school impartiron as denominadas "Storytimes for Babies", que son representacións teatrais en inglés pensadas para nenos e nenas de 1 a 2 anos e para os seus pais ou familiares. Concretamente esta actividade estivo dirixida aos nenos e nenas de 0 a 3.

Neste caso contaron a historia de "Mousy and the Big Red Ball". Esta historia conta que Mousy perdeu o seu balón vermello grande no parque e decide ir a buscalo. Cando chega ao parque, monta en todos os columpios, pero atopara Mousy o balón vermello grande? Os nenos e nenas estiveron moi atentos e concentrados para coñecer o que lle ía sucedendo a Mousy. Segundo explican dende a escola infantil esta actividade “foi unha gran experiencia de acercamento a unha nova lingua”.

Esta iniciativa, que foi organizada conxuntamente pola dirección da Escola e pola ANPA da Madalena, estivo dirixida a todos os nenos e nenas do centro e ás súas familias. Houbo dúas sesións; unha pola mañá e outra ás 18:00 horas da tarde dirixida ás familias que non puideron ir pola mañá por motivos laborais.