Pestanas principais

O alumnado da Escola Infantil do Bosque celebrou o Samaín

Venres, 02 de novembro de 2012

[02-11-2012] Os alumnos/as da Escola infantil municipal do Bosque deron por rematados os festexos con motivo da celebración do Samaín. Os nenos e nenas desta escola municipal realizaron diferentes obradoiros nos que prepararon os traxes e as cabazas, que forman parte do Samaín, que se celebra con motivo do día de defuntos. Este centro educativo quere transmitirlles aos máis pequenos/as esta celebración celta, para manter as nosas tradicións máis antigas dunha forma divertida. A celebración rematou cunha gran festa na que participaron os nenos/as e as profesoras/es.


Os nenos/as de 0 a 1 anos xogaron coas cabazas. Puideron tocar distintas texturas e chamoulles moito a atención as distintas cores e formas das cabazas. As profesoras decoraron un recuncho da clase con debuxos alusivos a esta festa e serviulle de fondo para sacar unhas fotos cos nenos disfrazados de cabaza.

Os alumnos/as de 1 a 2 anos tamén manipularon as cabazas, pero eles baleiráronas e decoráronas. Tamén se disfrazaron de bruxas , demos, vampiros,etc. Despois saíron ó patio onde se xuntaron todos os grupos de 1 a 2 anos xunto coas profesoras e contaron un conto.

Os rapaces de 2 a 3 anos tamén manipularon as cabazas baleirándoas e decorándoas. Por último, puxéronlle unha candea acesa. As educadoras e mestras contáronlles varios contos relacionados con esta celebración. Despois xuntáronse todos os nenos/as de todas as clases nunha roda coas cabazas acendidas e fixeron unha queimada moi especial con zume de laranxa. Tamén leron o conxuro da queimada para espantar as meigas. Unha vez remataron de ler o conxuro, puideron probar un pouco de queimada de zume.