[31-07-2017] Neste último día de xullo, as nenas e nenos usuarios da Escola de Verán prepararon a súa propia merenda, no obradoiro de cociña denominado como BertaChef. Alén diso, en días anteriores, as e os participantes máis maiores deseñaron un photocall, co que hoxe se fotografaron na festa de despedida. A Escola de Verán continuará a desenvolverse ao longo do mes de agosto, con actividades centradas na historia do período medieval.
A última xornada do mes de xullo comezou co Bertachef, un obradoiro de cociña no cal as nenas e nenos prepararon a merenda de media mañá. As máis pequenas e pequenos (nenas e nenos que cursan Educación Infantil) prepararon espetadas de froita; mentres que as e os máis maiores (de Educación Primaria) prepararon, alén das espetadas, ensalada e batidos de froita. Nun día tan especial como hoxe, que é o último para parte das e dos participantes, estiveron acompañados por dous reporteiros da TVG , do programa A Revista, que quixeron coñecer as actividades que estaban a realizar e o traballo feito polas monitoras e monitores para que todo estivese a punto cada día.
A merenda rematou con moitas bocas, mans e camisetas sucias. A seguir, comezou a festa con música e baile. A xornada rematou cunha sesión fotográfica diante do photocall previamente realizado polo alumnado. As nenas nenos tamén foron os encargados de tirar as fotografías.
Un mes de agosto medieval
Durante este mes de xullo, a Escola de Verán xirou arredor da historia da antiga Roma. Con este novo mes que comeza, tamén se pon en marcha un novo eixe temático: o medieval. Así, ao longo de agosto, as nenas e nenos participantes, que serán arredor de 50, afondarán na historia do medievo a través de diversas actividades, coas que coñecerán esta etapa da historia e os modos de vida das súas xentes. Sobresae a realización dunha feira medieval, na que as nenas e nenos prepararán unha mostra de xogos e traxes medievais.
Alén diso, algunhas actividades que se levaron a cabo durante o mes de xullo tamén terán continuidade en agosto. Así, unha vez á semana as nenas e nenos usuarios deste programa continuarán a realizar unha saída. Durante o mes de xullo, as e os máis pequenos foron dúas veces ao Pazo da Peregrina, mentres que o alumnado de primaria, ademais de visitar o pazo, tamén visitou o parque de Chavián e realizou diferentes xogos de probas e pistas por varias sendas.
Do mesmo xeito, para mitigar o calor estival, o alumnado de Primaria seguirá acudindo ás piscinas municipais unha vez á semana. Pola súa banda, as nenas e nenos de Educación Infantil realizarán xogos con auga nas instalacións que acollen á Escola de Verán.