Pestanas principais

O alumnado da EMMA ofrecerá o venres un concerto de Entroido na Casa da Cultura de Bertamiráns

Mércores, 07 de febreiro de 2018

[07-02-2018] Este venres, 9 de febreiro, o alumando da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) celebrará o seu tradicional concerto de Entroido. O concerto terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 19:30 horas. Desde a EMMA convídase a toda a veciñanza amesá a asistir a este concerto de Entroido que terá como protagonistas ao “xenio da lámpada e ás familias de instrumentos musicais”.

As máis pequenas e pequenos da escola, as nenas e nenos nados nos anos 2011 e 2012, serán os primeiros en saír ao escenario. Estas crianzas, que asisten ás aulas da materia Música e Movemento, prepararon para o público O himno da Alegría, do compositor alemán Ludwig van Beethoven. Após a súa actuación, serán as mozas e mozos do combo da escola, conformado por dúas guitarras, batería, baixo eléctrico, tres saxofóns, unha trompeta e un piano, os seguintes en actuar. O combo interpretará temas da banda Status Quo e da BSO da serie Peter Gunn.

A continuación, a orquestra de violíns será a encargada de interpretar os temas Bluebells e Drops of Brandy. A composición John Ryan’s Polca será interpretada tamén por dous violíns acompañados de dous percusionistas. Posteriormente, o grupo de guitarras, composto por por seis rapazas e rapaces, tocará dous temas: Inés, Inés e O Cuco. As pezas Moderato e Se a neve escorrega serán interpretadas polo conxunto de frautas, composto por seis alumnas. Tres delas interpretarán a primeira das composicións e outras tres a segunda.

O grupo de saxos será, pola súa banda, o máis numeroso de todos, ao estar conformado por once alumnas e alumnos. Os temas que se interpretarán serán: Le pont de Londres, Doraemon, Danse des Écoliers, Minuet en sol, Patricia, Preludio, Les Sabots, The Pink Panther (acompañado de guitarra), Granito, Muiñeira de Armenteira e Coconotes (acompañado de piano). Finalmente, a actuación do coro será a encargada de pór punto e final ao concerto de Entroido da EMMA. As nenas e nenos do coro interpretarán as composicións Búscanse Valentes, Hai un amigo en min e Un mundo ideal.

O concerto de Entroido da EMMA terá lugar o vindeiro venres, 9 de febreiro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Desde a EMMA convídase a asistir a toda a veciñanza interesada. O concerto terá como protagonistas ao “xenio da lámpada e ás familias de instrumentos musicais”.

Contido relacionado


Lindeiros: "A EMMA ofrecerá o venres un concerto de Entroido na Casa da Cultura de Bertamiráns"