Pestanas principais

O alumnado da EIM A Madalena visitou a exposición “A arte de Aprender” na Casa da Cultura do Milladoiro

Xoves, 15 de xuño de 2017

[15-06-2017] As alumnas e alumnos, de entre dous e tres anos, da EIM a A Madalena do Milladoiro visitaron a exposición “A Arte de Aprender”, composta polos traballos máis destacados realizados durante o curso na escola infantil. A exposición poderase visitar ata o 26 de xuño, na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 8:30 a 14:00 e de 16:30 a 22:30 horas.


O alumnado da escola infantil a A Madalena visitou a exposición “A Arte de Aprender”, unha escolma dos traballos que as nenas e nenos realizaron ao longo destes meses na escola. Desta forma, durante a visita puideron ver os traballos feitos por eles e elas propias e polo resto de compañeiras e compañeiros. A directora da EIM A Madalena, Sandra Dios explica que fan anualmente esta excursión cos nenos e nenas maiores, porque “lles gusta recoñecer os seus traballos, ver as cousas que eles e elas fixeron”.

A exposición “A Arte de Aprender” pódese visitar estes días na Casa da Cultura do Milladoiro. O eixo central dos traballos alí presentados é a experimentación e a descuberta do mundo, a través das diferentes técnicas plásticas empregadas. As obras representan diferentes momentos do ano vividos polo alumnado na escola infantil: o paso das estacións, o Día da Paz, as celebracións do Entroido e do Nadal... Dividida por idades, a exposición mostra desde paneis sensoriais, onde as máis e os máis pequenos poden experimentar co tacto, ata traballos pintados con xoguetes e globos. Na exposición tamén se poden ver disfraces e mesmo caixas de froita reconvertidas en caixas de flores de papel.

A maior parte dos traballos están acompañados por fotografías que mostran o seu respectivo proceso de creación. Algunhas das fotografías tamén mostran momentos especiais vividos na escola: o día no que mamás e papás foron falar dos seus traballos, o día en que as avoas foron contar contos ou o día no que puideron levar as súas mascotas á escola. De igual maneira, tamén hai fotografías do horto, onde o alumnado planta, rega e goza vendo como medran as planas.

No piso de arriba, onde se poden atopar os traballos das máis e dos máis veteranos da escola, está un dos traballos máis sobresaíntes: un cadro realizado en conxunto polo alumnado da escola e polos usuarios do centro de día do Milladoiro.