Pestanas principais

O alumnado da EIM A Madalena vai de excursión ao Pazo da Peregrina

Venres, 06 de maio de 2016

[06-05-2016] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns recibiu a visita das nenas e dos nenos do terceiro curso da Escola Infantil Municipal de A Madalena. O grupo de excursionistas coñeceu o edificio que acolle varias dependencias municipais, xogaron no xardín e puideron falar con dos membros da Policía Local que se trasladaron ata o Pazo para ensinarlles os vehículos policiais. O concelleiro de Educación e Culrura, David Santomil, tamén se achegou ata o Pazo para visitar aos nenos e nenas.


Os nenos e nenas percorreron o xardín coas súas profesoras, xogando a buscar a saída no labirinto de matogueiras. Entre xogo e xogo, e para descansar de tanto exercicio, alumnado e mestras fixeron unha pausa para a merenda.

Trala merenda, e despois de explorar durante un anaco os terreos do pazo, chegou un coche e unha moto da Policía local. O grupo achegouse ata eles para falar con dous membros do corpo policial amesán, que lles axudaron a subirse no coche e na moto e lles permitiron acender as luces e tocar a serea.

As escolas infantís municipais de Ames organizan moitas actividades lúdicas durante o ano nas que os nenos e nenas ademais de divertirse, se educan en valores e aprenden novas cousas sobre o mundo que os rodea. Neste caso, esta excursión enmárcase dentro da área de coñecemento do contorno máis próximo, a través do cal se intenta que gocen dos lugares que teñen máis próximos.