[02-06-2016] Esta mañá o alumnado de 2-3 anos da EIM A Madalena foi de excursión até a Casa da Cultura do Milladoiro. Os pequenas e pequenas acudiron inaugurar a súa propia exposición, arranxada polas mestras do centro. Trátase dunha escolma dos traballos feitos polos nenos e nenas ao longo do curso, co título “A arte de aprender”. Poderase visitar até o 26 de xuño.




Fai xa uns anos que as mestras e educadoras da EIM A Madalena comezaron a organizar estas exposicións ao final de curso. A súa directora,Sandra Dios, confesa que a idea xurdiu “despois de acudir a un curso para profesorado en Xaén”. “Vimos unha exposición dos traballos feitos por alumnado das escolas infantís de Xaén”, explica. Tamén engade que o feito de que só o alumnado e as súas familias puidesen ver os traballos feitos ao longo do ano “era unha mágoa”.
Tanto a planta baixa, no recibidor, como a primeira planta da Casa da Cultura locen engalanadas coas láminas e manualidades feitas polas nenas e nenos da EIM A Madalena. Murais sobre as estacións, os disfraces feitos para o Entroido, os agasallos creados para os Días da Nai e do Pai ou as cartolinas decoradas para o Día das Letras Galegas son algunhas das obras que crearon estes pequenos e pequenas. As fotografías do alumnado que acompañan a exposición son testemuña do seu esforzo e traballo ao longo do curso.
A directora da EIM A Madalena explica que tamén fan unha excursión, cos nenos e nenas maiores, para inaugurala: “Gústalles recoñecer os seus traballos, ver as cousas que eles e elas fixeron”. Cada ano, ademais, adícanselle unha serie de cadros ou láminas a un pintor. “Tratamos de imitar as súas técnicas, escollemos pintores ou pintoras abstractos porque é mais doado para os pequenos e pequenas copialos”. Este ano o “plaxiado” foi Gerhard Richter, pintor alemán.





