Pestanas principais

O alumnado amesán de 2º de bacharelato despídese antes de comezar cos exames de Selectividade

Martes, 07 de xuño de 2016

[07-06-2016] Esta semana comezan en Galicia as probas de Selectividade para entrar no sistema universitario. O alumnado do IES do Milladoiro e do IES Plurilingüe de Ames despedíronse antes dos seus centros celebrando, no mes de maio, sendas graduacións.

Graduación do IES do Milladoiro
Pola súa banda a graduación dos 27 alumnas e alumnos do IES do Milladoiro tivo lugar na Casa da Cultura deste núcleo urbano, ás 19:00 horas. O director do centro, Víctor Santidián, foi o encargado de recibir ao público e de darlle a benvida aos presentes. Luís Pardo foi o presentador do evento. A tarde estivo amenizada cunha actuación de baile, a cargo de Miguel Dachille e Paula Casqueiro. O alumnado preparou ademais un vídeo para o público, a través do cal abrían unha ventá aos anos que pasaron no centro. Non só interviu o alumnado, senón que tamén o fixeron membros do profesorado e da ANPA Ágora do IES do Milladoiro. Alumnos e alumnas subiron ao escenario da Casa da Cultura para recoller os seus diplomas.


O pasado 20 de maio, no salón de actos da Casa da Cultura de Bertamiráns, tivo lugar a cerimonia de graduación e despedida do alumnado do IES Plurilingüe de Ames. 75 rapazas e rapaces que acudiron acompañados polos seus mestres e mestras, familias e parte da comunidade educativa. Da celebración participaron o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. A directora do centro, Marisol Louro, deu a benvida á audiencia para dar paso a intervención de dous membros do profesorado, que quixeron compartir cos seus xa ex-alumnos e ex-alumnas algunhas das súas lembranzas.

Á cerimonia de graduación foron convidadas dúas ex-alumnas, xa veteranas, do centro que compartiron cos rapaces e rapazas a súa experiencia fora do IES, explicándolles como foi a súa entrada nunha nova etapa educativa. Tras elas subiron ao estrado os representantes das clases A, B e C de 2º de Bacharelato. Co público compartiron anécdotas, experiencias e memorias dos seis anos transcorridos no centro. Estes alumnos foron os encargados de entregar os diplomas, e a orla desta promoción, ao resto dos seus compañeiros e compañeiras. Unha escolma de fotografías dos rapaces e rapazas acompañou o acto, ademais de catro actuacións musicais a cargo do propio alumnado, que amenizaron así a velada.