Pestanas principais

O alumando da Escola Municipal de Música de Ames realizou unha actuación no complexo xerontolóxico O Castro de Teo

Mércores, 04 de abril de 2012

[04-04-2012] O pasado mércores, 28 de marzo, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) fixo unha actuación no complexo xerontolóxico O Castro de Teo, para compartir a través da música unha tarde de lecer coas persoas que alí residen. Para a EMMA é moi importante facer este tipo de actuacións e achegarlles a música a distintos sectores da poboación, neste caso persoas da terceira idade, para que pasen un momento entretido e divertido. Nesta actuación participaron arredor de 35 alumnos/as das escolas de música de frauta, guitarra, violín e piano. A actuación comezou ás 17:50 h e rematou arredor das 18:30 horas. Ao rematar o concerto o alumnado da EMMA puido gozar dunha merenda que lle preparou o persoal do centro da terceira idade.


O concerto articulouse a partir de seis momentos musicais. O primeiro estivo protagonizado pola orquestra de frautas, que ofreceron unha versión dos temas La bella y la bestia, Yesterday e da banda sonora de Harry Potter. De seguido actuaron os/as alumnos/as de guitarra. Hugo Rodríguez e David Reino interpretaron un tema de AC&DC; Oscar Suárez e Alejandro Gómez tocaron o tema Smoke on the water; e un grupo composto por oito guitarras interpretaron o tema The Entertainer.

A continuación, actuaron os pianistas Carla Caamaño e Javier Pampín, que interpretaron os temas O home máxico e Circus, respectivamente. A agrupación de violíns interpretaron os temas El lago de los cisnes, Hijo de la luna y Billy Jean, mentres que o guitarrista Pablo Rodríguez tocou o tema En los trigales. Ademais, o alumnado da EMMA cantou A Rianxeira en colaboración co persoal que reside no complexo xerontolóxico O Castro de Teo. Tanto o persoal do centro como todos os membros da escola quedaron moi satisfeitos coa realización desta actuación e agardan poder repetila nos vindeiros anos.

A actuación comezou ás 17:50 h e rematou arredor das 18:30 horas. Ao rematar o concerto o alumnado da EMMA puido gozar dunha merenda que lle preparou o persoal do centro da terceira idade.


O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) realiza varias actuacións ao longo do ano, tanto no territorio municipal como fóra del. Nas datas de Nadal a EMMA realizou unha actuación no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Esta actividade faise dende hai anos e con ela preténdese que os nenos e nenas que están ingresados pasen unha tarde distinta, entretidos e gozando con música, cancións e xogos. Tamén son habituais as actuacións que realiza o alumnado da Escola de Música no concello durante o Nadal, o Entroido ou ao final de curso no mes de xuño.

Durante a pasada semana realizaron outra actuación, pero esta vez no complexo xerontolóxico O Castro de Teo. No concerto participaron arredor de 35 alumnos/as da escola de música de frauta, guitarra, violín e piano, que foron recibidos cun forte aplauso polas persoas que residen neste centro.