Pestanas principais

O alcalde visitou a exposición colectiva de arte Mestizarte

Luns, 07 de novembro de 2011

[07-11-2011] O Concello de Ames en colaboración coa Asociación Galega de Arte e Cultura organizou o pasado venres, 4 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o encontro artístico Mestizarte. O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente, asistiron a este encontro que serviu como apertura da exposición Mestizarte. Ademais das autoridades municipais, moitos veciños e veciñas de Ames gozaron desta mostra de pintura, escultura e fotografía, que estará exposta nunha das salas de exposición do Pazo da Peregrina entre o 4 e o 17 de novembro. Por outra banda, tamén puideron gozar de varios concertos a cargo dos grupos Salteñita y Jaime, Paraíso Caribe ou do cantautor amiense Miguel Alonso. Ademais, pequenos e adultos puideron participar en diferentes obradoiros musicais, de pintura, colaxe e barro. Como colofón houbo unha actuación de danza a cargo da compañía de danza contemporánea Bstudiodanza.


A poboación inmigrante empadroada no Concello de Ames multiplicouse por dez durante a última década. Este dato reflicte unha realidade social que está en continuo movemento e na que se contempla a diversidade étnica, cultural e lingüística dun novo marco de convivencia. Cunha sociedade cada vez máis diversa e complexa é necesario conseguir unha convivencia intercultural en todos os ámbitos da vida. Co obxectivo de contribuír á integración da poboación inmigrante que reside no territorio municipal de Ames organizouse o encontro artístico Mestizarte, que tivo lugar o pasado venres, 4 de novembro, no Pazo da Peregrina.

En representación do Concello de Ames asistiu o alcalde, Santiago Amor, así como o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente. Ademais das autoridades municipais asistiron moitos veciños e veciñas de Ames que gozaron dunha exposición de pintura, escultura e fotografía. Esta mostra estará exposta nunha das salas de exposicións do Pazo da Peregrina entre o 4 e o 17 de novembro. Os e as artistas que expoñen os seus traballos nesta mostra son A. ElBelay, Aurora González Pombo, Bill Walls, Carmen Sevillano, Carmen Torres, Constantino Cuesta, David Alberto Plana Padilla, Esther Molinero, Fran Lareo, Isabel Andrés, Javier Muntaner, Jesús Pereira "Suly", Juan Fontecha, Laíño, Larbí, Mª Carmen Calviño, Arina "Cocós", Pepa Mariño, Pilar Feás, Russ Vickers e T. N. Miers.

Todas as persoas que desexen gozar con este percorrido polos traballos desta mostra colectiva de arte poden visitar a sala de exposicións do Pazo da Peregrina no horario habitual de luns a venres de 17:00 h a 20:00 horas, ou durante a fin de semana, os sábados de 12:00 h a 14:00 horas.

Ademais da inauguración da mostra, neste encontro artístico houbo actuacións musicais e obradoiros. Pero, antes da música, Esther Ferrer membro da Asociación Galega de Arte e Cultura, leu o poema La musa enferma, pertencente ao poemario Veladas y caídas.A música comezou da man do cantautor amiense Miguel Alonso arredor das 19:00 horas. Ás 19:30 h actuou o grupo Salteñita y Jaime e ás 20:00 horas o grupo Paraíso Caribe. De xeito simultaneo púidose participar en diversos obradoiros. Deste xeito ás 19:30h, Marco Antonio Garista Mondragón, impartiu o obradoiro Musicalización de contos, situacións cotiás e improvisación, que estivo dirixido a nenos/as a partir de 6 anos.

Os monitores da Asociación Galega de Arte e Cultura foron os encargados de impartir un obradoiro de pintura, colaxe e barro. Este obradoiro estivo dirixido a todos os públicos. Por último, ás 20:00 horas, Manuel Alonso impartiu un obradoiro de guitarra, que tamén estivo dirixido a todos os públicos. O evento pechouse cunha actuación de danza a cargo da compañía de danza contemporánea BStudiodanza. Todas as actividades realizáronse no interior do Pazo da Peregrina.