[08-05-2011] O Concello de Ames vén de remitirlle un escrito á xefatura territorial da Consellería de Educación requiríndolle a convocatoria urxente da Comisión de Escolarización, para tratar todos os temas relacionados co curso escolar 2011-2012. A Comisión de Escolarización debe ser o órgano de confluencia de todos os axentes da comunidade educativa, para propoñer posibles solucións ante a falta de prazas escolares nos centros de ensino amienses para o próximo curso escolar. O Concello non é o órgano competente para buscar unha solución a falta de prazas escolares, pero si é o lexítimo representante dos veciños e veciñas de Ames, proba diso é que está presente cando se constitúe a Comisión de Escolarización.
O Concello de Ames está realizando todas as xestión posibles para que a Consellería de Educación resolva a falta de prazas escolares que existen nalgúns dos centros de ensino de Ames de cara ao vindeiro curso escolar. Para iso solicitoulle á Consellaría de Educación que convoque de forma urxente a Comisión de Escolarización, para que informe sobre a situación na que se atopan os centros educativos de Ames de cara ao vindeiro curso 2011-2012. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, explica que "non é de recibo que a Comisión de Escolarización trate parcialmente os problemas, e que o Concello sexa o último en decatarse".
O rexedor municipal incide en que "segundo se desprende da información publicada nos medios de comunicación e a información que posúen as ANPAS e as direccións dos centros de ensino, a Consellaría de Educación está resolvendo á súa maneira esta cuestión. De ser así non están tendo en conta para nada ao Concello de Ames. O Concello non é o órgano competente nesta materia, pero si é o lexítimo representante da veciñanza amiense, proba diso é que está presente cando se constitúe a Comisión de Escolarización".
O goberno municipal reivindica ser parte activa deste proceso, non quere ser un "convidado de pedra". O Concello de Ames ten sobradamente demostrado que é un concello educador, preocupado e colaborador en materia de educación. Nos últimos anos realizáronse varios proxectos para ampliar o comedor do CEIP A Maía, achegouse unha partida de 300.000 euros para a construción da Escola Infantil do Milladoiro, executouse a construción dun novo comedor no CEP de Ventín e construíse unha dársena para os autobuses no CEIP Agro do Muíño.
O goberno municipal dedicou 450.000 euros á construción dun novo edifico dedicado ao comedor do CEP de Ventín. Ademais cando houbo problema de espacio no comedor do CEIP A Maía, o Concello de Ames, executou unha ampliación deste comedor para dar cabida a 250 rapaces e rapazas da Rede de Comedores Escolares. A execución desta obra tivo un custo de 94.700 euros.
A nova dársena que se construíu nas inmediacións do colexio de educación infantil e primaria Agro do Muíño é outro exemplo dos investimento que leva feito o Concello de Ames nos últimos anos nos centros de ensino. Este proxecto supuxo unha importante mellora da seguridade viaria para todos os alumnos e alumnas que empregan o transporte escolar. Esta obra foi financiada con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local e tivo un custo de 207.203 euros.
Posicionamento municipal
Dende o Concello de Ames xa adiantan o seu posicionamento e inciden en que os nenos/as amienses deben ser escolarizados nos centros de ensino de Ames que solicitan. En todo caso, nunha nota de prensa emitida pola Xunta de Galicia, o pasado 21 de xaneiro de 2011, con motivo da xuntanza mantida entre o alcalde de Ames e o secretario xeral da Consellería de Educación, este último recalcou "o compromiso da Consellería coa comunidade educativa de Ames, dando resposta ás necesidades de escolarización da súa poboación". En base a estas declaracións o alcalde solicita que se articulen en cada centro de ensino as medidas que se consideren oportunas para evitar o desprazamento dos nenos/as.
Fernández recalca que "tivemos coñecemento, a través dos medios de comunicación, de que a Consellería de Educación está pensando en levar nenos ao colexio Quiroga Palacios. En vista diso, e entendendo que se debe adoptar unha solución local, creemos que na Escola Infantil Milladoiro é posible habilitar unha aula que permita que os nenos/as non saian do concello. Por exemplo na sala de informática ou noutra de características similares pódense habilitar novas aulas. Outra solución sería engadir no edificio algún tipo de módulo prefabricado posto que existe terreo suficiente para facelo".
O alcalde manifesta que "o Concello de Ames non pode darlle as costas a este problema e reclama estar presente no tratamento destas cuestións. No caso do CEIP Agro do Muíño existe terreo arredor do edificio para buscar algunha solución de carácter temporal como pode ser a instalación de módulos prefabricados".
Fernández ratifica a colaboración e predisposición do goberno municipal para adoptar cantas actuacións sexan necesarias para acadar unha solución. "É habitual que cada vez que se produce unha reunión entre ANPAS e a Xefatura Territorial de Educación, ou entre as ANPAS e a Consellaría de Educación, os representantes da Xunta de Galicia rematan vindo ao Concello e este proceso convértese nun historia sen fin. O máis operativo e razoable sería manter unha reunión única e conxunta para coñecer que solucións que pretenden adoptar. En todo caso o Secretario Xeral da Consellería presentou o seu compromiso coa comunidade educativa de Ames para articular en cada centro as medidas que se consideren oportunas".
A nova noutros medios dixitais: