Pestanas principais

O alcalde solicita que se chegue a un acordo de xeito inmediato para poñer fin á folga indefinida que afecta ao servizo de limpeza viaria

Martes, 23 de maio de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, compareceu esta mañá en rolda de prensa, xunto a outros concelleiros e concelleiras do goberno municipal, para explicar como está a situación actualmente na folga indefinida que afecta ao servizo de limpeza viaria e do punto limpo do concello de Ames. O rexedor municipal solicitou que a empresa concesionaria do servizo e mailo sindicato convocante da folga se senten a negociar e non se levanten da mesa ata acadar un acordo. Segundo o rexedor municipal é urxente e necesario que se chegue a un acordo de xeito inmediato polo ben da veciñanza amesá e dos propios traballadores/as do servizo. O decreto de servizos mínimos que finalizou este luns, 22 de maio, prorrogouse por 15 días máis e mantense o servizo ao 50%.

A rolda de prensa comezou co alcalde explicando os motivos da folga indefinida do servizo de limpeza viaria e do punto limpo do concello de Ames, xa que ata o e agora dende o Concello non se fixera ningunha comunicación ao respecto. Segundo dixo o rexedor municipal esta folga nace porque os traballadores e traballadoras solicitáronlle á empresa Urbaser Ames un incremento do salario no que se recoñeza o incremento do IPC dos anos 2021 e 2022.

Tamén lembrou que o Concello de Ames conta cun novo contrato do servizo de limpeza viaria que entrou en vigor o pasado 15 de xullo de 2022, no que se incluíron unha serie de melloras no servizo e tamén se incrementou o persoal que presta dito servizo.

A continuación deu detalle das xuntanzas que mantivo dende o pasado mes de abril sobre este asunto. Así dixo que “no pasado mes de abril persoal do sindicato, que representa aos traballadores/as da empresa Urbaser Ames, solicitou unha xuntanza comigo. A miña resposta foi que non era o momento máis axeitado, xa que debido ás eleccións municipais de 2023 xa se estaba en período de precampaña”.

“Solicitaban un compromiso pola miña parte, pero eu nin como alcalde nin como membro do goberno municipal, podo adquirir ningún tipo de compromiso, porque non sei se despois do 28 de maio vou seguir sendo alcalde deste concello e porque o contrato non permite que o Concello faga unha revisión de prezos. A propia lei de contratos do sector público indica que non se poden revisar os prezos dos contratos en vigor. No contrato que se asinou por un período de sete aos xa se recollen as posibles variacións de prezos e de salarios”.

Proceso de negociación
Tamén dixo que o luns 8 de maio comezou a folga indefinida e dende ese día ata o pasado venres 16 de maio non houbo ningunha xuntanza nin por parte da empresa nin por parte dos representantes dos traballadores/as. “Pasaron máis de 11 días sen convocarse reunión algunha. A primeira xuntanza que houbo foi o pasado venres, 11 de maio, pola tarde e que se convocou despois de enviarlles unha comunicación a ambas partes nas que lles solicitei que se reuniran de forma inmediata e urxente e non se levantasen da mesa mentres non chegasen a un acordo. Posteriormente, convocouse unha xuntanza para este martes, 23 de maio, pola tarde. Ante esta nova convocatoria soliciteilles que trataran de chegar a un acordo durante a fin de semana. Non o fixeron e onte pola mañá volvín a solicitarlles que se reunisen o antes posible, polo que adiantaron a xuntanza a este martes pola mañá”.

O rexedor municipal engadiu “penso que esta é unha folga política e non vai rematar ata que pasen as eleccións municipais. Para dicir isto baséome en que me fan responsable a min como alcalde desta folga e non a empresa concesionaria. Ademais, a Xunta Electoral vén de notificarnos que esta semana van a seguir as concentracións en Bertamiráns e no Milladoiro que rematarán cunha manifestación o venres 26 de maio, último día da campaña electoral”.

Neste senso tanto o alcalde como a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que é a responsable do departamento de Contratación, manifestaron que o contrato do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos do Concello de Ames foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario do pasado 27 de xaneiro de 2022, polo que é responsabilidade de toda a Corporación municipal.

Solicita un acordo de xeito inmediato
“O que podo facer eu como alcalde ou a persoa que sexa alcalde despois das eleccións municipais é aprobar as facturas para pagarlle aos traballadores e traballadoras. Este goberno municipal ou o que se forme despois do 28 de mai non pode facer revisión algunha do contrato que xa está en vigor dende o pasado ano. Isto sabeo o sindicato convocante da folga e maila empresa”.

“Ambas partes trasládanme que o acordo é difícil, polo que me preocupa a veciñanza amesá e mailos propios traballadores/as da empresa, que están sendo utilizados por ambas partes. Estes dous colectivos son os que están pagando as consecuencias desta folga, que é responsabilidade tanto da empresa concesionaria do servizo como do sindicato convocante da folga”.

Por último, solicitou que “mentres non cheguen a un acordo non se levanten da mesa de negociación. E urxente e necesario que cheguen a un acordo. Que deixen de mirar o interese empresarial e sindical e  cheguen a un acordo xa, polo ben dos traballadores/as. Para iso é necesario que as ofertas que lles está trasladando a empresa as debatan con todos/as os/as traballadores/as nunha asemblea”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Finaliza la huelga de la limpieza viaria y gestión del punto limpio de Ames"

El Correo Gallego: "Descovocada a folga do lixo en Ames tras ratificar os operarios o acordo alcanzado con Urbaser"

Lindeiros: "Folgas que acaban e outras que comezan"

AMS GO!: "O alcalde de Ames insta ás partes en conflito na limpeza a chegar a un acordo para acabar cunha 'folga política'"

Imaxe da rolda de prensa

Multimedia

  • Imaxe da rolda de prensa
  • Imaxe da rolda de prensa