[15-01-2015] O alcalde de Ames Santiago Amor recibiu esta semana á xefa provincial de Tráfico na Coruña Victoria Gómez Dobarro. Ambos realizaron un seguimento dos acordos establecidos entre os dous organismos e valoraron os resultados das últimas campañas de seguridade viaria realizadas no Concello de Ames. No encontro, que tivo lugar o pasado martes, tamén estivo presente o responsable da Policía Local, José Antonio Rodríguez.
A reunión serviu para analizar a situación dos núcleos, tanto rurais coma urbanos, que soportan unha maior intensidade de tráfico. É o caso da AC-453 ao seu paso por Augapesada, Tapia e Piñeiro, a DP-0205 de Bertamiráns a Osebe e a N-550 no Milladoiro. Sobre esta última, o rexedor amesán xa lle trasladara a súa preocupación polo tráfico elevado á ministra de Fomento, Ana Pastor, durante unha visita a Santiago. Amor considera necesario realizar obras de mellora que faciliten o tránsito rodado neste punto.
Por outro lado, o alcalde explicoulle a Gómez Dobarro a necesidade de contar con axentes na rotonda do Milladoiro no momento en que se inicien as obras do túnel de Conxo.
Grazas aos convenios asinados coa Xefatura Central de Tráfico, Ames ten á súa disposición un vehículo equipado de radar e etilómetro. Nos próximos meses o Concello ten previsto realizar unha campaña de seguridade viaria dirixida aos mozos e mozas do municipio e intensificará as medidas de control nos núcleos urbanos.




