Pestanas principais

O alcalde Santiago Amor recibe a un grupo de alumnos franceses de Aurillac que hoxe comezan unha estancia de intercambio no IES de Ames

Luns, 26 de marzo de 2012

[26-03-2012] O Instituto de Ensino Secundario de Ames acolle desde hoxe a un grupo de 10 alumnos/as franceses procedentes do Lycée Saint-Eugène (Ensemble Gerbert) da localidade de Aurillac, na rexión de Auvernia, que esta semana desenvolverán xunto aos seus compañeiros e compañeiras amienses unha intensa estancia de intercambio.

Os estudantes, de entre 15 e 17 anos, foron recibidos esta mañá no Salón de Plenos do Concello polo alcalde Santiago Amor e os concelleiros de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González. Na recepción, participaron tamén a directora do IES de Ames, Marisol Louro, a directora do centro francés, Annie Vidal, e os profesores de español Nabila Badissi e Christophe Monjou.

Trátase da terceira experiencia de intercambio que o IES de Ames realiza co Lycée Saint-Eugène (Ensemble Gerbert) de Aurillac, a través do seu departamento de Francés e das Seccións Bilingües en francés. No encontro cos estudantes, que recibiron material informativo e promocional do Concello de Ames como agasallo, o alcalde de Ames transmitiulles o seu desexo de que este programa teña continuidade no futuro pola importancia que ten "o intercambio de linguas, culturas e coñecementos para a vosa formación persoal e profesional".

Do mesmo xeito, Santiago Amor asegurou que para o concello de Ames "é positivo recibir xente doutros países porque contribúe a darnos a coñecer internacionalmente". Neste sentido, o alcalde animou aos estudantes a "transmitir e trasladar aos vosos amigos e familiares as impresións que vos levedes de Ames, o concello coa poboación máis nova de Galicia".


Pola súa parte, en representación da delegación francesa, o profesor Christophe Monjou expresou a intención do centro de repetir a experiencia en próximas ocasións. Monjou, que xa estivera anteriormente en Ames con outros grupos de alumnos, destacou os bos resultados do programa de intercambio entre dúas rexións, Galicia e Auvernia, con moitas similitudes no clima e na paisaxe.

Na súa estancia desta semana, os alumnos do programa de intercambio asistirán a clases no instituto de Bertamiráns, coñecerán o concello de Ames e realizarán diferentes percorridos turísticos e culturais por Galicia, entre eles as Rías Baixas e as cidades de Ourense e Santiago. Na segunda parte deste programa de intercambio, está previsto que 8 alumnos do IES de Ames viaxen a Aurillac entre o 20 e o 30 de abril para dar continuidade a esta experiencia de contacto lingüístico e cultural.