Pestanas principais

O alcalde Santiago Amor reasigna as áreas de Goberno

Mércores, 30 de xaneiro de 2013

[30-01-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou hoxe os decretos nos que se recolle a redistribución das diferentes competencias do Goberno municipal. O obxectivo desta reasignación, motivada polo cese do concelleiro de Urbanismo e pola renuncia ás súas áreas de catro edís, é aproveitar as sinerxias entre as diferentes áreas e conformar unhas concellerías acordes ás necesidades e para responder aos intereses da veciñanza amiense. O rexedor deu traslado desta decisión tanto aos concelleiros da oposición como aos traballadores municipais.

Froito desta redistribución, uniranse nun departamento de Benestar Social, xestionado por María Eugenia Martín, as competencias de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, unhas áreas que xa viñan compartindo medios humanos en determinadas cuestións e prestándose apoio e colaboración especialmente nun momento económico tan delicado como o actual. Deste xeito, o Concello ofrecerá, como viña facendo ata o momento, unha atención global e servizos aos veciños e veciñas máis afectados pola crise económica. Ademais, en virtude dos decretos asinados hoxe, sumaranse as competencias de Deportes a esta mesma concellaría.

Co mesmo obxectivo de aproveitar sinerxias, a concellaría de Educación, que xestiona Bernardo Moar, asumirá as competencias de Xuventude e Servizos Complementarios. Tamén neste caso, trátase de áreas relacionadas entre si e que dan servizo aos cidadáns máis novos do Concello de Ames.

Ademais, a concelleira Carmen Verde estará á fronte dunha área na que se reunirán as competencias de Atención e Mediación Parroquial, Asociacionismo, Voluntariado e Maiores. Deste xeito, reunirase nun mesmo departamento as áreas que prestan a atención e o servizo máis próximo aos veciños e veciñas. Por último, as competencias en Urbanismo pasarán a depender de Alfredo Taboada e as de Servizos Xerais (Persoal, Informática e Reforma Administrativa) recaerán no rexedor amiense, Santiago Amor.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, delegou a sinatura diaria de Oficinas Xerais na concelleira Carmen Verde. Froito desta redistribución, o rexedor amiense tamén reasignou as tenencias de alcaldía, que quedan do seguinte xeito: 1º tenente de alcalde Eugenia Martín, 2º tenente de alcalde Bernardo Moar, 3º tenente de alcalde Alfredo Taboada e 4º tenente de alcalde Carmen Verde.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El alcalde de Ames reasigna las áreas de gobierno tras la crisis interna del PP"
El Correo Gallego: "O alcalde de Ames reasigna as áreas de Goberno despois do cese de Argibay e a renuncia de catro edís"