Pestanas principais

O alcalde recibiu aos nove alumnos de Aurillac que estiveron de intercambio no IES de Ames

Venres, 20 de maio de 2011

[20-05-2011] O IES de Ames ven de poñer en práctica un programa de intercambio con alumnos procedentes de Aurillac, Francia. Primeiro foron dez alumnos amienses os que pasaron na cidade francesa unha semana e agora tocoulles a quenda aos nove alumnos franceses e os dous profesores que os acompañan, que chegaron o noso municipio o pasado domingo, día 15 de maio e retornan hoxe, venres 20 de maio. O programa de intercambio ten como obxectivo facilitarlles aos participantes un primeiro contacto coa realidade lingüística española e francesa.


O alcalde de Ames, Carlos Fernández, xunto coa concelleira de Mocidade, Patricia Conde, recibiron onte, no Salón de Plenos do Concello ás 11:30 horas, ós rapaces que participan no programa de intercambio entre o Liceo de Aurillac e o IES de Ames. Trátase do primeiro ano no que se leva a cabo esta actividade de intercambio lingüístico e cultural con este colexio en específico.

Carlos Fernández deulles a benvida os mozos/as e mostrou o seu interese por facer actividades tan enriquecedoras como son os intercambios lingüísticos e culturais entre os máis novos do Concello. "Estamos moi satisfeitos de que esteades aquí e de que puiderades coñecer o noso municipio, o noso instituto e a vida dos rapaces da vosa idade", declarou o rexedor municipal.

Os nove alumnos do Liceo viñeron acompañados de dous profesores que imparten clase optativa de lingua española no centro francés. Teñen entre 15 e 16 anos e foron acollidos nas casas dos alumnos e alumnas tamén de 4º de ESO e 1º de Bacharelato do instituto de Ames. O programa de intercambio ten como obxectivo facilitarlles aos participantes un primeiro contacto coa realidade lingüística española e francesa. Christopher, profesor do Liceo francés, denominou o intercambio como "unha experiencia extraordinaria, que van a recordar durante moito tempo. Primeiro a nivel cultural, polo que ofrece Galicia e tamén a nivel lingüístico é unha experiencia moi interesante para eles porque é unha inmersión na súa cultura".

"O que máis me gusta de Galicia é a xente que é moi simpática, e as familias de acollida portáronse moi ben con nós. Espero volver en verán", dixo Anna Sophie, unha das alumnas francesas. Finalizado o acto de presentación, o rexedor municipal fixo entrega duns agasallos para os rapaces, entre os que se atopaban folletos turísticos do Concello, postais e pósters da zona para que se levaran un recordo en imaxes e un portacedés. "Levades un recordo deste municipio para que non vos esquezades de Ames e tamén para que as vosas familias poidan coñecer en imaxes os puntos de interese que estivestes visitando", dixo Fernández.

Visitas a xeografía galega

Os estudantes do Liceo estiveron esta semana compartindo actividades cos rapaces de Ames. Foron acollidos nas casas dos alumnos amienses e realizaron visitas por diferentes puntos de interese de Galicia, ademais de asistir ás clases. O programa ten como propósito familiarizar ós estudantes franceses co español e aos rapaces de Ames co francés.

Os rapaces chegaron o domingo, 15 de maio, e comezaron as súas visitas pola xeografía galega na mañá do luns. O seu primeiro destino foi a zona de Lugo. O martes realizaron unha excursión á Coruña na que puideron visitar a Torre de Hércules, o Paseo Marítimo. O mércores tiveron a oportunidade de ver Santiago dende o alto, xa que o se subiron os tellados da catedral. Onte pola mañá foron recibidos por Carlos Fernández e hoxe partirán de volta a Aurillac, despois dunha semana de convivencia, cargados de actividades, aínda que tamén asistiron as clases no instituto.

Os dez estudantes amienses que participaron neste programa son tamén alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, de entre quince e dezaseis anos, que cursan a optativa de Lingua Francesa. No mes de abril saíron cara Francia acompañados por Pilar Toba, profesora de Historia ,e Mercedes Neira, profesora de Física e Química do IES de Ames. Ademais da súa estancia na cidade francesa durante unha semana, estiveron tres días en París nos que gozaron da cidade e visitaron os lugares máis coñecidos.