Pestanas principais

O alcalde recibiu ao capitán José Manuel Leis Fernández con motivo do seu ascenso

Sábado, 25 de xuño de 2011

[25-06-2011] Santiago Amor recibiu no seu despacho ao antigo tenente da Comandancia da Garda Civil do Milladoiro, José Manuel Leis Fernández. O rexedor municipal estivo conversando con Leis Fernández xa que abandona o posto de tenente no Milladoiro despois de que ascendera ao posto de capitán. Amor regaloulle un cadro co escudo do concello de Ames para que o teña de recordo. José Manuel Leis Fernández valora como moi positiva a súa estancia no posto do Milladoiro e destaca o traballo realizado nestes anos ante os delitos contra a propiedade. Tamén salienta a inauguración do novo cuartel da Garda Civil nesta comandancia.

Dende abril de 2008, José Manuel Leis Fernández, foi o tenente da Comandancia da Garda Civil do Milladoiro. Agora, despois de que fose ascendido ao posto de capitán terá que abandonar este traballo, xa que na Comandancia do Milladoiro non existe o posto de capitán e terá que trasladarse ao outro cuartel no que o poida desempeñar este labor.

Leis Fernández valora de xeito moi positivo o traballo realizado durante estes tres anos e medio na comandancia do Milladoiro. "Estou moi contento e satisfeito polo traballo que se desenvolveu durante este anos no posto da Garda Civil do Milladoiro. Este é unha zona importante xa que hai que atender aos municipios de Ames e Teo que entre ambos teñen máis de 45.000 habitantes".

O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceulle o traballo prestado e asegurou que "é unha magoa que se produza este cambio no momento no que acabo de chegar a alcaldía porque lle teño un gran afecto. A partir de agora seguiremos mantendo unha cordial relación coa persoa que ocupe este posto na comandancia do Milladoiro".

José Manuel Leis Fernández chegou ao posto do Milladoiro despois de estar 28 anos fóra de Galicia. "Empecei en Zaragoza, despois estiven na Rioxa e volvín uns meses para Galicia, concretamente para Burela. Logo volvín marchar para Barcelona, de aí para a Rioxa outra vez, Valladolid... e despois de 28 anos volvín para Galicia e o destino que me tocou foi o do cuartel do Milladoiro".

Cando toca facer valoración destes anos no Milladoiro, Leis Fernández, séntese satisfeito de poder contar cun novo cuartel da Garda Civil, que hai poucas semanas foi inaugurado e que permitirá prestar unha mellor atención a toda a cidadanía. "O novo cuartel da Garda Civil permitirá que a plantilla que está destinada neste posto se manteña durante o tempo, xa que conta con vivendas para poder vivir neste lugar. Iso tamén permitirá que os axentes teñen un mellor e máis amplo coñecemento do territorio no que teñen que traballar".

Por último, Leis Fernández destacou a boa colaboración que mantivo cos corpos da policía local tanto de Ames coma de Teo e a predisposición da cidadanía que "moitas veces axudáronos no noso traballo achegando información moi valiosa".