Pestanas principais

O alcalde presenta a exposición O Milladoiro, o que está por ver, facendo balance 2007-2011

Domingo, 27 de marzo de 2011

[27-03-2011] Este domingo o alcalde de Ames, Carlos Fernández, inaugurou a exposición O Milladoiro, o que está por ver, facendo balance 2007-2011. Esta exposición, na que se recolle o estado dos plans urbanísticos a desenvolver no Milladoiro, permanecerá aberta ao público do 27 de marzo ao 3 de abril, no vestíbulo da Casa da Cultura. O rexedor municipal aproveitou este acto, que se celebrou no salón de actos do centro sociocultural do Milladoiro, ás 12:00 horas, para facer balance dos traballos e proxectos urbanísticos que se desenvolveron nesta localidade entre os anos 2007 e 2011 e que están incluídos no programa O Milladoiro, o que está por ver. Deste xeito douse conta, ante todos os veciños e veciñas de Ames, dos proxectos urbanísticos desenvolvidos no Milladoiro durante os últimos catro anos. O rexedor municipal estivo acompañado polos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno.

"O obxectivo deste acto é dar conta ante a veciñanza amiense do traballo feito en materia de urbanismo durante os últimos catro anos". Así comezou a intervención do alcalde de Ames, Carlos Fernández, no acto inaugural da exposición O Milladoiro, o que está por ver, facendo balance 2007-2011, que se poderá visitar entre o 27 de marzo ao 3 de abril, no vestíbulo da Casa da Cultura. Trátase dunha mostra composta por paneis, planos e cadros resumen que busca achegarlle á cidadanía a configuración urbanística na que se está traballando dende o ano 2007 para converter O Milladoiro nun lugar máis habitable e dotado de máis zonas verdes e equipamentos.

Esta mostra ten por obxectivo que todos os veciños e veciñas de Ames poidan coñecer o estado dos plans urbanísticos que se desenvolveron no Milladoiro durante os últimos catro anos e que están incluídos dentro do programa urbanístico O Milladoiro, o que está por ver, presentado no ano 2007. A presentación da exposición tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura do Milladoiro. O alcalde de Ames foi explicando os proxectos urbanísticos que se desenvolveron nesta localidade entre os anos 2007 e 2011. Para iso fóronse proxectando unha serie de imaxes e ortofotos nunha pantalla para que todos os veciños e veciñas que se achegaron ata o centro sociocultural puidesen seguir a súa explicación.

Fernández destacou que "hai catro anos, tan só catro anos, presentei á cidadanía un proxecto ilusiónante para o núcleo de O Milladoiro. Por primeira vez na historia deste núcleo, as actuacións para a reforma e a mellora, e o seu crecemento futuro, aparecían estudadas, analizadas e planificadas. Atravesabamos unha etapa de forte tensión inmobiliaria e rápido desenvolvemento urbanístico. E por iso, cuantificabamos en aproximadamente sete anos o groso da consecución dos obxectivos marcados".

Catro anos de traballo

Transcorridos catro anos dende que se presentou o documento O Milladoiro: o que está por ver, no que se expuxo a planificación urbanística prevista de cara ó futuro nesta localidade, agora o alcalde de Ames, Carlos Fernández, fixo balance dun proxecto imaxinado e posto xa a camiñar. Un proxecto que xurdiu nun momento de efervescencia e puxanza, e que atopou na súa andadura cos impedimentos derivados da crise e da burbulla inmobiliaria, un freo para as inversións e o desenvolvemento dos concellos.

O rexedor municipal lembrou que "aquilo tan repetido de que isto ten que parar algún día. Isto non pode seguir así moito tempo, fíxose realidade da noite para a mañá, ralentizando ostensiblemente o noso ritmo de crecemento, cando non, paralizando o desenvolvemento dos sectores urbanísticos. Aínda así, ninguén pode negar que nestes catro anos, que non supoñen máis que o ecuador do prazo total marcado, téñense producido importantes avances, importantes melloras e significativos resultados".

A grandes trazos, Fernández dixo que se avanzou e se reduciu drasticamente a esaxeradísima ratio de vivendas por hectárea. Ampliáronse de forma máis que considerable as ratios de espazos baleiros e zonas verdes en beneficio da calidade de vida. E case que se triplicaron as ratios correspondentes ás dotacións e equipamentos urbanísticos. Todo isto sucedeu en tan só catro anos.

Incremento no número de vivendas

No período transcorrido dende o ano 2007 ata este 2011 incrementouse o parque de vivendas: das 5.495 vivendas existentes pasouse ás 6.815 vivendas actuais, é dicir, que se incorporaron 1.320 vivendas. E este aumento da construción residencial fíxose de tal xeito que redundou nunha mellora do indicador da calidade ambiental: a densidade de edificación.

O Milladoiro caracterizábase pola súa alta densidade de edificación (número de vivenda por habitante), parámetro que resulta da relación entre o número de vivendas e a superficie de terreo urbanizado, de tal xeito que no ano 2007 esta taxa era de 209 vivendas por habitante, e hoxe, tras catro anos de desenvolvemento no que se fixeron máis vivendas e máis xente vive no núcleo, a densidade cífrase en 155 vivendas por habitante, un valor máis axeitado, que aínda debe de ser mellorado.

Incremento das zonas verdes

Este descenso da densidade de edificación incide directamente na superficie destinada a espazos baleiros e zonas verdes. No estudio feito no ano 2007 detectábase unha relación de superficie baleira por habitante moi afatada da referencia fixada pola lexislación urbanística, 5 metros cadrados de zona verde por habitante. Naquel momento obtívose unha relación de 1,75 m2 de zona verde por habitante, que se transformaron nestes catro anos en 4,23 metros cadrados de zona verde por habitante, valor xa moi próximo as esixencias normativas.

Analogamente, as superficies dotacionais e de equipamentos incrementáronse, duplicando os valores neste tempo de balance. Si se consideran a relación entre superficie de equipamento por habitante, pasouse de 1,13 m2 dotación/habitante a 2,82 m2 dotación/habitante, valor que duplica os datos de partida, aínda que non se poidan considerar satisfactorios.

Proxectos executados

Pero as actuacións non só se contan a través de números. As actuacións de mellora ambiental toman corpo nas diversas rúas e espazos baleiros. A peonalización da rúa Travesa e a reurbanización da rúa Anxeriz mostran o esforzo desenvolvido neste tempo. Ademais durante estes catro anos construíuse unha nova gardería, que está incluída na rede da Galiña Azul da Xunta de Galicia, e realizouse un novo cuartel da Garda Civil, que está piques de entrar en funcionamento. Estas dúas novas infraestruturas están situadas na rúa Figueiras. Por outra banda xa se está executando un campo de fútbol de céspede artificial no Milladoiro e iniciouse o proceso de contratación para converter a Travesía do Porto nun gran bulevar.

Carlos Fernández explicou todos estes argumentos diante dun auditorio cheo de veciños/as que escoitou con atención as explicacións do alcalde malia que o urbanismo non é un prato doado de dixerir. Porén, a explicación apoiouse nunha presentación audiovisual pormenorizada que incluíu cadros resumen cos datos máis salientables dos catro últimos anos e varios mapas e ortofotos dos principais sectores urbanísticos do Milladoiro. Os veciños e veciñas que asistiron ao acto levaron un catálogo das actuacións urbanísticas que se desenvolveron e que se van desenvolver no Milladoiro.

O rexedor municipal rematou dicindo "o Milladoiro aínda está por ver, e por iso hai que seguir traballando. Estamos no bo camiño e avanzamos cara o incremento e mellora da calidade de vida. Sabemos da importancia do que está por ver e temos a vista longa, aínda que por forza das circunstancias, teñamos que levalo a paso máis curto".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El regidor de Ames repasa entre críticas su labor en Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El regidor de Ames repasa entre críticas su labor en Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El regidor de Ames repasa entre críticas su labor en Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El regidor de Ames repasa entre críticas su labor en Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El regidor de Ames repasa entre críticas su labor en Milladoiro"