[15-05-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, viaxou recentemente a Madrid para reunirse co secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, co obxectivo de presentarlle un proxecto que concorrerá no fondo europeo FEDER. Trátase do plan AMES 21 (Accións de recuperación e Mellora da sustentabilidade do ESpazo urbano), un proxecto destinado á humanización e dinamización do espazo urbano do principal núcleo do municipio, O Milladoiro. En caso de obter a axuda, o Concello correría co 30% dos gastos -1.443.570 euros-, mentres que o fondo europeo aportaría o 70% restante -3.368.330 euros-. A contía total da inversión ascende a 4.811.900 euros. A través deste proxecto preténdese garantir a mellora do contorno natural e a calidade medio ambiental, mellorar a accesibilidade e mobilidade dos cidadáns mediante a adaptación dos edificios públicos e espazos urbanos ás necesidades das persoas con dificultades de mobilidade e fomentar a sociedade da información e as novas tecnoloxías, tanto no eido do tecido produtivo como no eido da poboación en xeral.
O Concello de Ames vén de presentar un proxecto ao fondo europeo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Trátase do plan AMES 21 (Accións de recuperación e Mellora da sustentabilidade do ESpazo urbano), un proxecto destinado á humanización e dinamización do espazo urbano do principal núcleo do concello, O Milladoiro. Recentemente o alcalde de Ames, Carlos Fernández, viaxou a Madrid para reunirse co secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías. O obxectivo desta xuntanza foi presentarlle o proxecto que concorrerá ao fondo FEDER. Anteriormente, este plan xa fora aprobado o pasado 23 de marzo en Xunta de Goberno Local.
Con este plan, o goberno municipal pretende pór en marcha medidas de mellora do contorno natural e da calidade medio ambiental, mellorar a accesibilidade e mobilidade dos cidadáns nos edificios e espazos públicos (seguindo o marcado polo Plan Integral Municipal de Accesibilidade aprobado en 2008) e fomentar a inclusión do tecido produtivo e do conxunto dos cidadáns na sociedade da información e das novas tecnoloxías.
Coa intención de poñer en marcha este proxecto, o Concello de Ames solicitou unha axuda ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, un instrumento financeiro a cargo da Comisión Europea co que a Unión Europea pretende axudar ao desenvolvemento económico das rexións deprimidas da UE, para axudar así á converxencia económica das diversas rexións europeas. Así, o Concello de Ames elaborou un proxecto denominado, AMES 21, co que se presenta ante a Comisión Europea para a obtención dunha axuda a cargo do FEDER, que aportaría o 70% do presuposto necesario para a súa posta en marcha -3.368.330 euros-, mentres que o 30% restante correría a cargo do Concello -1.443.570 euros-, sendo a contía total da inversión 4.811.900 euros.
O plan AMES 21 artéllase en base a tres programas -ademais do programa de xestión- que son o programa de mellora do contorno natural e calidade medio ambiental, o programa de mellora da accesibilidade e mobilidade e o programa de fomento da sociedade da información e das novas tecnoloxías, programas nos que se integran un total de 13 accións destinadas a lograr un desenvolvemento local sostible que logre a cohesión económica, social e territorial do concello.
Programa de mellora do contorno natural
Con este programa o Concello pretende mellorar o contorno natural e a calidade medio ambiental do Milladoiro a través da posta en marcha de políticas de recuperación e renovación paisaxística, urbanización ambiental, recuperación de espazos interiores de mazá para o seu uso público e a mellora da eficiencia enerxética.
Así, neste apartado, levaríase a cabo a recuperación ambiental do bosque A Carballeira para uso público como zona verde, redactaríase o plan especial e o proxecto do plan de urbanización do Parque Ambiental e Deportivo, así como a renovación paisaxística e a urbanización do mesmo, a recuperación de espazos interiores de "mazá" para o uso público e a mellora da eficiencia enerxética mediante a utilización de elementos de aforro na rede de iluminación urbana.
Programa de mellora de accesibilidade e mobilidade
Neste eido, o goberno municipal pretende mellorar a accesibilidade e mobilidade dos cidadáns do concello mediante accións de adaptación das estruturas de acceso dos edificios públicos, mellora da mobilidade transversal no núcleo urbano e adaptación do mobiliario, alumeado e comunicación en base ao Plan Integral Municipal de Accesibilidade.
Neste apartado encadraríanse os procesos de adaptación de edificios públicos ao Plan Integral Municipal de Accesibilidade (PIMA), a elaboración dun plan de mobilidade para a mellora na mobilidade transversal do Milladoiro e a adaptación do mobiliario urbano, do alumeado e de comunicación segundo o PIMA.
Programa de fomento da sociedade da información
Neste eido preténdese fomentar a presenza do tecido produtivo do concello e da cidadanía en xeral na sociedade da información e das novas tecnoloxías. Para lograr esta incorporación, o Concello de Ames ten previsto elaborar un plan de conectividade e acceso da cidadanía á sociedade da información e un plan de dinamización virtual do comercio local.
Este proxecto xestionaríase e controlaríase o seu desenvolvemento a través dun órgano de xestión do proxecto denominado Oficina de Xestión Urbana (OXU), que contaría cunha sección técnica encargada de garantir que as actividades e tarefas aprobadas se executen de acordo ao previsto no proxecto, cunha sección administrativa encargada de garantir a adecuada xestión económica financeira de AMES 21 e dun órgano de control que contará coa participación a primeiro nivel do Concello.
En todo o que se refire ao proxecto AMES 21 buscarase a participación activa da totalidade das asociacións do municipio que se concretará a través dun Grupo de Acción Urbana, que será o encargado de asesorar ao Concello na implantación das actuacións necesarias para levar a cabo o proxecto.
Deste xeito, o proxecto non sae da nada, senón que se insire nunha estratexia que o Concello iniciou fai anos para reverter o desequilibrio do Milladoiro, apostando así polo desenvolvemento sostible do concello e buscando o equilibrio económico entre os distintos núcleos de poboación de Ames.