[25-03-2011] Onte pola mañá, ás 13:00 horas, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, ofreceu unha rolda de prensa na Casa da Cultura do Milladoiro para facer balance dos traballos e proxectos urbanísticos que se desenvolveron no Milladoiro entre os anos 2007 e 2011 e que están incluídos no programa O Milladoiro, o que está por ver. En maio de 2007 o goberno municipal presentou a exposición "O Milladoiro, o que está por ver". Unha mostra composta por maquetas, planos e recreacións virtuais que buscaba achegarlle á cidadanía a configuración urbanística na que se está a traballar para converter O Milladoiro nun lugar máis habitable e dotado de máis zonas verdes e equipamentos. Despois de catro anos de traballo o rexedor municipal vai facer balance dos proxectos urbanísticos desenvolvidos no Milladoiro. Ademais, este domingo ás 12:00 horas, o rexedor municipal fará balance deste proxecto antes todos os veciños e veciñas desta localidade. Así mesmo, quedará inaugurada unha nova mostra sobre os proxectos urbanísticos desenvolvidos no Milladoiro nos últimos catro anos.
Transcorridos catro anos dende que se presentou o documento O Milladoiro: o que está por ver, no que se expuxo a planificación urbanística prevista de cara ó futuro nesta localidade, agora chega o momento de facer balance dun proxecto imaxinado e posto xa a camiñar. Un proxecto que xurdiu nun momento de efervescencia e puxanza, e que topou na súa andadura cos impedimentos derivados da crise e da burbulla inmobiliaria, un freo para as inversións e o desenvolvemento dos concellos.
Sen embargo, estas dificultades non foron quen de deter un proxecto ilusiónante; quizais retardaron algunhas actuacións, algúns crecementos, pero non chegaron a interromper o camiño emprendido. Facer balance é mirar atrás e dar conta do feito nestes catro anos: mirar ó plano do Milladoiro e ver que había, que se ten feito, e o que aínda se pode facer.
Neste tempo transcorrido incrementouse o número de veciños e veciñas, de algo máis de nove mil oitocentos, pasamos a once mil trescentos. Máis veciños, pero menos densidade, máis espazo libre, máis taxa de dotacións. A planificación establecida vaise cumprindo e redunda nunha mellora das condicións medio ambientais e urbanísticas.
Densidade de edificación
No período transcorrido dende o ano 2007 ata este 2011 incrementouse o parque de vivendas: das 5.495 vivendas existentes pasouse ás 6.815 vivendas actuais, é dicir, que se incorporaron 1.320 vivendas. E este aumento da construción residencial fíxose de tal xeito que redundou nunha mellora do indicador da calidade ambiental: a densidade de edificación.
O Milladoiro caracterizábase pola súa alta densidade de edificación (número de vivenda por habitante), parámetro que resulta da relación entre o número de vivendas e a superficie de terreo urbanizado, de tal xeito que no ano 2007 esta taxa era de 209 vivendas por habitante, e hoxe, tras catro anos de desenvolvemento no que se fixeron máis vivendas e máis xente vive no núcleo, a densidade cífrase en 155 vivendas por habitante, un valor máis axeitado, que aínda debe de ser mellorado.
Este descenso da densidade de edificación incide directamente na superficie destinada a espazos baleiros e zonas verdes. No estudio feito no ano 2007 detectábase unha relación de superficie baleira por habitante moi afatada da referencia fixada pola lexislación urbanística, 5 metros cadrados de zona verde por habitante. Naquel momento obtívose unha relación de 1,75 m2 de zona verde por habitante, que se transformaron nestes catro anos en 4,23 metros cadrados de zona verde por habitante, valor xa moi próximo as esixencias normativas.
Superficies para equipamentos
Analogamente, as superficies dotacionais e de equipamentos incrementáronse, duplicando os valores neste tempo de balance. Si se consideran a relación entre superficie de equipamento por habitante, pasouse de 1,13 m2 dotación/habitante a 2,82 m2 dotación/habitante, valor que duplica os datos de partida, aínda que non se poidan considerar satisfactorios.
Pero as actuacións non só se contan a través de números; actuacións de mellora ambiental toman corpo nas diversas rúas e espazos baleiros: a peonalización da rúa Travesa, a reurbanización da rúa Anxeriz, ou a da rúa de Abaixo, mostran o esforzo desenvolvido neste tempo.
Facendo balance 2007-2011, mostra datos positivos, un gráfico que segue unha liña ascendente, pero que non se pode parar, senón que marca unha inflexión, unha pauta, nun camiño de progreso que aínda fai pensar que o mellor de O Milladoiro está por ver.
A máxima autoridade municipal, Carlos Fernández, destaca que "nestes catro anos avanzouse en reducir drasticamente a esaxerada ratio de vivendas por hectárea. Ampliáronse de forma máis que considerable as ratios de espazos baleiros e zonas verdes en beneficio da calidade de vida. E case que se triplicaron as ratios correspondentes ás dotacións e equipamentos urbanísticos".
Fernández finaliza dicindo que "estamos no bo camiño. Avanzamos cara o incremento e mellora da calidade de vida. Sabemos da importancia do que está por ver e temos a vista longa, aínda que por forza das circunstancias, teñamos que levalo a paso máis curto".
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Milladoiro duplicó en 4 años la ratio de zona verde y servicios"
La Voz de Galicia: "Milladoiro duplicó en 4 años la ratio de zona verde y servicios"
El Correo Gallego: "Menos pisos y más zonas verdes para O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Menos pisos y más zonas verdes para O Milladoiro"




