[26-04-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, envioulle un escrito á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e á empresa concesionaria da AG-56 para coñecer se se manteñen os prazos de execución da obra que se está executando para arranxar o desprendemento de terra que se produciu a comezos de ano nun noiro desta autovía. Ademais, o rexedor municipal, neste mesmo escrito, pregunta polos motivos que provocaron que esta obra estivera parada durante toda a semana pasada, xa que ningún operario estivo traballando neste lugar.
O goberno municipal mostra unha vez máis a súa preocupación polas obras que se están executando para reparar o desprendemento de terra que se produciu a principios do mes de xaneiro na autovía AG-56, ao seu paso polo termo municipal de Ames. Á inquedanza sobre o proxecto elixido pola Xunta para arranxar este desprendemento, únese agora a preocupación sobre o ritmo que levan ditas obras e pola paralización que sufriron estes traballos, estando semanas enteiras sen avanzar.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “a nosa principal preocupación era que o proxecto elixido para reparar este desprendemento de terra fose o máis seguro para que non volvese a pasar o que aconteceu o pasado 9 de xaneiro. Neste senso a Xunta de Galicia trasladounos que a seguridade está totalmente garantida”.
“Pero agora a isto únese a inquedanza que temos porque o ritmo que levan as obras non é desexado polo goberno municipal, xa que estes traballos estiveron durante toda a semana pasada paralizados. Ademais, hai que engadir que dende que comezaron estas obras a empresa concesionaria da AG-56 non nos pasou ningún tipo de información”, recalca Miñones.
Debido a iso, o rexedor municipal decidiu esta mañá enviarlle un escrito á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e á empresa concesionaria da AG-56 para coñecer os prazos que barallan para rematar as obra que se están executando. Dende o goberno municipal queren saber se se manteñen os prazos inicialmente previstos ou se fixou outra data para rematar estes traballos. Segundo o indicado por parte da Xunta o prazo é de 10 semanas, polo que os traballos deberían estar rematados a ultima semana de maio xa que comezaron o pasado 14 de marzo.
Movemento de terras
Por outra banda, o goberno municipal sinala que dende o departamento de Urbanismo váiselle abrir un expediente informativo á empresa concesionaria da AG-56 polo depósito de terras na rúa de Seixebre, sen solicitar a correspondente licenza nin comunicarllo ao Concello de Ames.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, recalca que “a Policía Local realizou un informe sobre o depósito de varios metros cúbicos de terra sobre a estrada e a beirarrúa da rúa de Seixebre. Con este informe estase elaborando un expediente informativo que se lle vai remitir á empresa concesionaria e á Deputación da Coruña, xa que esta vía é de competencia provincial”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames exige información sobre el plazo de la reposición del talud de la AG-56"
El Correo Gallego: "Malestar por el retraso en la reparación del talud de la autovía"
La Voz de Galicia: "Arroxan en leiras de Bertamiráns terra das obras do talude da AG-56"
El Correo Gallego: "Regresan los operarios a las obras del talud sobre la autovía AG-56"