[26-01-2018] Dende esta mañá a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames conta cunha nova sede no Centro de usos múltiples de Aldea Nova, que servirá como base de operacións, lugar de descanso dos voluntarios cando están de garda, e para gardar o material que teñen. Na inauguración de dito local estiveron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Ames, José Miñones, o presidente da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil do Concello de Ames, Blas García, así como outros membros do goberno municipal e dos partidos políticos da oposición. A Agrupación de Protección Civil de Ames, que comezou a funcionar no pasado mes de setembro, xa participou en máis dun cento de operativos do 112.



Parque comarcal de bombeiros
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o traballo que desenvolven os voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que constitúen unha peza fundamental do sistema de atención ás emerxencias grazas ao seu altruísmo, profesionalidade e proximidade á cidadanía.
Rueda dixo “o noso obxectivo é o de garantir a atención das emerxencias en todos os concellos de Galicia, tamén nos máis pequenos, ofrecendo unha atención integral que non sería posible sen a colaboración das agrupacións de Protección Civil, que complementan os labores desenvolvidos polos profesionais. Coa creación da agrupación de Ames, pensamos que esta atención esta garantida, atendendo aos datos facilitados polo 112. Desde a Xunta de Galicia agradecemos ao Concello de Ames o seu compromiso e vontade política na atención das emerxencias, materializada coa creación deste grupo”.
Ademais, coa finalidade de mellorar a asistencia das emerxencias, é fundamental sumar esforzos entre todos os organismos e institucións e traballar de maneira coordinada para ofrecer a mellor resposta posible á cidadanía. Precisamente, nesta mesma liña de coordinación, inscríbese a reunión que terá lugar o próximo luns, 29 de xaneiro, entre a Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para abordar a posible comarcalización do parque de bombeiros da capital galega, de xeito que poida prestar servizo tamén a concellos próximos, como é o caso de Ames.
Asemblea da agrupación de Protección Civil
Por último, hai que destacar que este pasado martes, 23 de xaneiro, celebrouse unha asemblea da Agrupación de Protección Civil de Ames, onde se elixiu a directiva desta entidade. Deste xeito, entre todos/as os/as voluntarios/as asistentes elixiuse como presidente a Blas García. Secretario foi elixido Francisco Javier Parga, tesoureira é Teresa Salgado, e vogais: Roberto Amarelle e Úrsula Álvarez. Ata este momento había unha xestora que se encargou da creación de dita Agrupación. A partir de agora será esta directiva a encargada de realizar as xestións administrativas que sexan necesarias.
Esta mañá realizouse un acto no Centro de usos múltiples de Aldea Nova co que se inaugurou a nova base de operacións da Agrupación de voluntarios/as de Ames. Esta agrupación comezou a funcionar no pasado mes de decembro, pero a pesar de ser creada hai menos de seis meses xa participou en máis dun cento de operativos do 112. Na actualidade, esta agrupación conta con 26 voluntarios/as, pero o prazo de inscrición permanece aberto. O novo local servirá como base de operacións, lugar de descanso dos voluntarios cando están de garda, e para gardar o material que teñen. Neste acto participaron membros de distintos corpos de seguridade cos cales a Agrupación de Protección Civil colaborará nos seus operativos.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou “con este acto, queremos simbolizar a posta en marcha da Agrupación de Protección Civil de Ames. Un premio ao gran traballo que as voluntarias e voluntarios desenvolveron ao longo destes meses, desde a súa primeira actuación na Carreira da Familia celebrada no mes de setembro. No Concello de Ames estamos moi orgullosos dos traballos realizados, coa súa participación en 40 accidentes, 30 recollidas de animais, media ducia de incendios e 30 servizos propios, entre outros operativos. Estamos satisfeitos coa creacións do grupo de Protección Civil, que foi un obxectivo do goberno municipal desde o comezo da lexislatura”.
Por outra banda, o presidente da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames, Blas García, comezou dicindo “antes de nada, gustaríame agradecer a presenza dos representantes das forzas de seguridade de Ames, dos representantes da delegación provincial da Coruña de Protección Civil, das brigadas forestais, das concelleiras e concelleiros do goberno municipal e do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Gustaríame agradecer, tamén, a presencia hoxe dunha parte das voluntarias e voluntarios do grupo de Protección Civil de Ames que, ao longo destes tres meses desde a súa posta en marcha, participaron de 125 operativos en coordinación co 112. Moitas grazas ás voluntarias e voluntarios polo seu extraordinario labor, axuda e vontade por atender á veciñanza”.
Neste acto tamén se adiantou que no mes de febreiro, dez voluntarias e voluntarios realizarán un curso de control da avespa velutina. Posteriormente, na primavera, porase en marcha un operativo de asistencia a peregrinas e peregrinos que percorran os dous camiños xacobeos que atravesan o noso concello, así como outras rutas como as da “Estrela” ou a de “As pegadas de Rosalía”.
Miñones tamén engadiu que “o goberno municipal considera de especial relevancia que as voluntarias e voluntarios se formen, co obxectivo de poder garantir á veciñanza a mellor atención posible. Deste xeito, solicitamos á Xunta a prestación de cursos descentralizados nesta nova instalación, así como a dotación dun vehículo equipado que facilite algúns traballos como os de limpeza de estradas e rúas ou o de sinalización de accidentes. Necesitamos incrementar os recursos para poder incrementar a eficacia das diferentes tarefas”.
Contido relacionado

Lindeiros: "Inaugurada a base operativa de Protección Civil de Ames"
La Voz de Galicia: "Xunta y Concello desbloquean el parque comarcal de bomberos"
La Voz de Galicia: "Protección Civil de Ames vigilará los tramos del Camino y las rutas senderistas"
El Correo Gallego: "Base de Protección Civil en Aldea Nova para 26 voluntarios"




