Pestanas principais

O alcalde e mailo concelleiro de Obras visitan os parques infantís que se están acondicionando

Martes, 24 de maio de 2016

[24-05-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata Augapesada para comprobar os traballos realizados no parque infantil que está situado ao carón do centro sociocultural deste lugar. O Concello de Ames está desenvolvendo un plan de revisión e mellora dos parques infantís municipais. Esta semana rematarán os traballos que están realizando nos parques infantís de Augapesada, na parroquia de Ames, e de Estivada de Castelao, no Milladoiro.

O alcalde e mailo concelleiro de obras estiveron vendo esta mañá os traballos que se realizaron no parque infantil de Augapesada. Neste parque arranxouse a valla perimetral aplicándolle un tratamento e pintando a madeira. Tamén se instalou un novo cartel e restauráronse as pezas de xogo. Nestes intres estase facendo unha limpeza na area do chan e falta prensala para que dar por rematados os traballos neste lugar.

Ademais, estase reparando e acondicionando o parque infantil de Estivada de Castelao, no Milladoiro. Neste caso retirouse a valla perimetral que rodea ao parque para restaurala e adaptala á normativa que está vigor. Ademais, instalouse un cartel novo do parque, limpáronse e recolocáronse as lousas de caucho do chan; e restauráronse as pezas de xogo. Ao longo desta semana quedarán rematados estes traballos. As actuacións realizadas nestes dous parques infantís teñen un custo de 11.500 euros.

Cómpre lembrar que antes de poñer en marcha este plan de mellora dos parques infantís realizouse unha auditoría para saber en que estado se atopa cada un dos parques e as deficiencias que teñen. Ademais, elaboráronse uns planos de situación de cada parque infantil; fíxose unha reportaxe fotográfica de cada parque e dos seus elementos; e determinouse a altura crítica da superficie amortiguadora mediante ensaio HIC. Por último, realizouse unha proposta para solucionar as deficiencias detectadas, que están recollidas no plan de actuación que se comezou a desenvolver este mes de maio.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, “esta mañá estivemos vendo os traballos que se realizaron no parque infantil de Augapesada, onde só queda compactar a area antes de que se dean por rematados as actuacións neste lugar. Unha vez acondicionados estes dous parques infantís o obxectivo do goberno municipal é ir acondicionando outros parques co fin de mellorar todas estas instalacións. É un obxectivo ambicioso e que levará tempo facelo, pero agardamos poder cumprilo”.