Pestanas principais

O alcalde e maila concelleira de Promoción Económica e Turismo visitan as instalación da empresa Zenit Televisión

Xoves, 04 de outubro de 2018

[04-10-2018] Continúa a rolda de visitas a empresas amesás relacionadas co eido tecnolóxico e audiovisual iniciada a comezos deste mes de abril. Nesta ocasión foi a quenda da empresa Zenit Televisión, situada no parque empresarial Novo Milladoiro, que traballa en producións galegas, nacionais e internacionais. Dende o executivo amesán apostan por fomentar a ubicación de novas empresas relacionadas coa tecnoloxía e mailo audiovisual no polígono do Milladoiro.

Nova área de estacionamento no polígono
A través desta visita o alcalde, a concelleira e os técnicos coñeceron as instalacións de dita empresa, o seu funcionamento, as súas inquedanzas e falouse de futuros proxectos de colaboración. Estanse realizando unha serie de visitas ás empresas do concello, para coñecer de cerca o perfil e as necesidades que se plantexan. O alcalde e a concelleira de Promoción Económica e Turismo resaltan o alto grado de profesionalidade e o nivel que están a acadar as empresas dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Ames.

Asemade, informouse aos traballadores sobre a instalación dunha escaleira, que conecta o polígono co aparcadoiro do campo de fútbol municipal, onde existen unhas 50 prazas de estacionamento, co obxectivo de ampliar o número de prazas de aparcamento dispoñibles e de que poidan ser usadas ao longo de toda a semana, tanto polos usuarios/as do campo de fútbol como das persoas que traballan no parque empresarial.


O alcalde de Ames, José Miñones, acompañado da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, do axente municipal de desenvolvemento local, Jorge Couñago, e da técnica de Turismo, Sonia Moure, visitaron este mércores, 3 de outubro, as instalacións da empresa audiovisual Zenit Televisión.

A representación municipal visitou coa directora da empresa, Zaza Ceballos, así como con outros/as directivos/as e traballadores/as da entidade, o plató de 850 metros cadrados que ten esta entidade no polígono do Milladoiro, onde se realiza o magazine Vin polo Vento, emitido polas tardes na TVG. Asemade, esta produtora audiovisual participou na coprodución de mini-series como Elisa e Marcela (2018); e produciu Contou Rosalía (2017); Juana de Vega. Vizcondesa do Arado (2016); e A Bela Otero (2007).

Tamén produciron diversas películas como Xirgu, a actriz (2015); Concepción Arenal, a visitadora de cárceres (2012); Emilia Pardo Bazán. A Condesa Rebelde (2010); O bonito crime do Carabineiro (2009); Romasanta (2004); Cota Vermella (2003); OT. La Película (2002); e O príncipe namorado (2002); así como en series como Fontealba (2016-2017); O Faro (2013-2016); L’Alquería Blanca (2007-2013), entre outras. Ademais, ten producido diferentes documentais, como Feitizo xenético dos Austrias (2015); O Milagre de Ferrol. Unha historia da construción naval (2013); Mulleres galegas na historia (serie documental emitida entre 2013 e 2018); entre outros; programa para a Televisión de Galicia como ¡Casamos!; O sal da terra; A vida é doce; Monte do Gozo; Hospital: A vida aberta; e Vivan as Tardes!

Zenit Televisión é unha produtora audiovisual creada e dirixida por Zaza Ceballos con máis de 20 anos de traxectoria e máis de 2.500 horas de produción televisiva ás súas costas. Dedícase principalmente á creación, desenvolvemento e produción de ficción para televisión, documentais e programas de realidade e entretemento. Esta empresa conta con máis de 70 traballadores/as e nalgunhas ocasións contrata a empresas amesás e da contorna como Escenoset ou Setemedia, para desenvolver traballos de iluminación, son ou preparación de escenarios de gravación.