[31-05-2018] Este xoves, 31 de maio, o ex-xogador de baloncesto croata Aleksander Petrovic finalizou o Camiño Portugués, que tiña comezado o pasado domingo na localidade portuguesa de Valença do Minho. A realización do Camiño por parte de Petrovic encádrase dentro do proxecto “El camino acaba en Obradoiro”, que ten como obxectivo fomentar as diferentes rutas xacobeas existentes en Galicia, alén de recadar fondos para o financiamento de diversas asociacións sen ánimo de lucro e para a creación da “Bolsa solidaria do protagonista”. Dito proxecto está organizada polo Obradoiro CAB. En Ames, última parada antes de alcanzar a Praza do Obradoiro, o ex-xogador croata foi recibido no Milladoiro polo alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones; pola concelleira de Turismo, Isabel González; polo concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García; polo voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costa; e polo concelleiro do Partido Popular de Ames, Javier Olmo.
Ás 13:30 horas, aproximadamente, o ex-xogador de baloncesto croata Aleksander Petrovic chegou ao Milladoiro, na súa última parada antes de alcanzar a Praza do Obradoiro. No Milladoiro, no entorno da Casa da Cultura, o ex-xogador foi recibido polo alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones; pola concelleira de Turismo, Isabel González; polo concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García; polo voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costa; e polo concelleiro do Partido Popular de Ames, Javier Olmo. O Concello de Ames agasallou a Petrovic cuns pins e unhas postais como lembranza do seu paso polo termo municipal.
Nesta última etapa acompañaron a Aleksander Petrovic, o seu fillo Marko; o director xeral do Obradoiro CAB, José Luís Mateo; os representantes dos patrocinadores Petroni e Correos, Cristina Codesido e Ángel Pérez, respectivamente; así como o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, e a concelleira de Turismo, Lorena Couso. Este xoves, o ex-xogador de baloncesto finalizou o Camiño Portugués após a realización de cinco etapas desde a súa saída, o domingo, na localidade portuguesa de Valença do Miño. A concelleira de Turismo de Ames, Isabel González, acompañou á comitiva desde O Milladoiro ata a Praza do Obradoiro.
El camino acaba en Obradoiro
O proxecto “El camino acaba en Obradoiro” celebra este ano a súa cuarta edición. Organizado polo Obradoiro CAB, o proxecto ten como obxectivo promover as diferentes rutas do Camiño de Santiago que existen en Galicia. Os ex-deportistas de elite Terry Porter, Juan Antonio Corbalán e Nikos Galis foron os protagonistas das tres edicións anteriores.
Os fondos recadados con esta iniciativa son destinados a diversas asociacións sen ánimo de lucro e á creación, a través da Fundación Heracles, da “Bolsa solidaria do protagonista” que se destinará á integración de mozos nas categorías base do Obradoiro. Dita bolsa busca, polo tanto, que diferentes rapaces procedentes de diversas realidades sociais e con potencial para a práctica do deporte se poidan beneficiar dunha educación deportiva e persoal. A “Bolsa Petrovic”, que é como se nomeará á deste ano, permitirá incorporar ao programa INTEGRADOS360 da canteira do Obradoiro CAB novas promesas do baloncesto. A bolsa asume todos os gastos derivados da actividade deportiva e da estadía dos rapaces que non sexan de Santiago.