Pestanas principais

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz

Xoves, 04 de xuño de 2026

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, participaron esta mañá na visita institucional á rodaxe do filme Un deus que non baila (anteriormente titulada Serenade), que foi un dos sete proxectos premiados con 10.000 euros cada un dentro do Ames AV LAB, para as actividades de definición e desenvolvemento inicial. Esta longametraxe conta coa dirección do amesán, Pedro Díaz, e con María Vázquez e Bruna Cusí nos papeis protagonistas.

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, participaron nunha visita institucional á gravación dunha secuencia da película Un deus que non baila, que é a ópera prima do director e guionista amesán, Pedro Díaz. Dita visita estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e polo director da AGADIC, Jacobo Sutil. Tamén participou o alcalde de Outes,  Francisco Calo. 

Durante a visita realizouse un percorrido polo set de rodaxe, onde lles explicaron o traballo que se está a desenvolver, mantiveron un encontro co director, Pedro Díaz, co elenco artístico e co equipo de produción. Tamén estiveron presentes, David Casas (Salón Indien Films), Daniel Froiz (Matriuska Producciones) e Marina López, produtora executiva da longametraxe. 

Dita visita tivo lugar na igrexa de San Xoán de Roo (no concello de Outes), xa que é onde durante a xornada de hoxe se está gravando a longametraxe. Deste xeito, na xornada de hoxe a rodaxe desenvólvese no interior de dita igrexa e está centrada na celebración dunha comuñón. Durante os vindeiros días a rodaxe trasladarase ao Val da Maía, onde se rodarán varias secuencias do filme, que comezou a gravarse a mediados do mes de maio. Conta co financiamento do ICAA, do AGADIC, co apoio ao desenvolvemento da Comunidade de Madrid, e coa participación de RTVE e Movistar+.

O alcalde de Ames, Blas García, salientou que “Ames conta con grandes profesionais do audiovisual, como é o caso de Pedro Díaz, que está gravando estes días a súa primeira longametraxe, despois do éxito conseguido coa curtametraxe La Entrega, coa que estivo nominado aos Premios Goya, na categoría de Mellor Curtametraxe de Ficción no ano 2023”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou “o compromiso do Concello co desenvolvemento dos proxectos que participaron no Ames AV LAB. Para nós é unha satisfacción comprobar como estes proxectos avanzan cara á súa materialización, especialmente aqueles que apoiamos dende o inicio con iniciativas como o Ames AV Lab”.

O director e guionista amesán, Pedro Díaz, dixo que “nesta longametraxe abórdanse as novas formas de familia, que xa se estaban xerando naquela época da Galicia rural dos 90, e da tradición relixiosa que nos afecta e nos impregna culturalmente”. Ademais, explicou que “son seis semanas de rodaxe e xa estamos na cuarta semana. Agardamos que o filme se poida estrear en 2027, pero dependerá das estreas a nivel nacional”.

Drama familiar luminoso
Un deus que non baila preséntase polos seus creadores como un “drama familiar luminoso”. O galego Pedro Díaz, veciño de Ames, inspírase en vivencias da súa infancia para dirixir e compoñer unha historia que ten, ademais, nas localizacións do Val da Maía a contorna idónea para a súa rodaxe.

As actrices María Vázquez e Bruna Cusí protagonizan unha trama que ten lugar na Galicia rural dos 90, cando María (atea e nai solteira) quere cumprir o derradeiro desexo da súa nai: ver á súa neta Lola (que non vai á igrexa desde o bautismo) facendo a primeira comuñón. O reparto complétase con outros nomes coñecidos e novas caras do audiovisual galego, tales como Ana Santos, Irea Chouza, Julia Pazo, Elvira Gestoso, Servia, Mario Beramendi, Miguel de Lira e Manuel Fonseca.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "A igrexa outense de San Xoán de Roo acolle a rodaxe da película 'Un deus que non baila'"

amsGO!: "Visita institucional á rodaxe do filme Un deus que non baila, que o amesán Pedro Díaz roda estes día no municipio"

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz

Multimedia

  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a rodaxe do filme "Un deus que non baila", do amesán Pedro Díaz