O alcalde de Ames, Blas García, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, desprazáronse ao Milladoiro para recibir a 60 peregrinos e peregrinas procedentes da illa de La Palma que están a realizar o Camiño Portugués desde Vigo. Ademais de falar sobre a situación que se vive na actualidade por mor da erupción do volcán de Cumbre Vieja, o alcalde comentoulles que o concello de Ames está a traballar na organización dunha campaña, que levarán conxuntamente Protección Civil e a Xuntanza de Empresarios de Ames, para poder levar á Palma, material para Protección Civil e produtos de hixiene básica.
Algúns dos peregrinos e peregrinas canarios que onte facían a súa última parada no camiño antes de chegar a Compostela, teñen familiares damnificados. Así llo relataron ao alcalde Blas García e á concelleira Ana Paz. Estes, ademais de palabras de alento, faláronlles da campaña que o concello está organizando para axudar, na medida do posible, a ir paliando os efectos da catástrofe.
Campaña de axuda á Palma desde Ames
A campaña que neste momento se está a preparar no concello de Ames será artellada pola Agrupación Local de Protección Civil e por XEA, a Xuntanza de empresarios de Ames. O obxectivo principal desta acción será conseguir doazóns para axudar ao voluntariado da Agrupación de Protección Civil da Palma enviando material de protección e á veciñanza afectada en xeral coa recollida de produtos de hixiene básicos.
No encontro, Blas García, en nome de todo o Concello trasladoulle "que contan con todo o noso apoio nun momento tan delicado coma este, e asegurou que intentaremos o máis axiña posible coordinar a campaña anunciada para achegar así o noso grao de area para axudar na recuperación da illa despois da erupción do volcán Cumbre Vieja".
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: Reciben no Milladoiro a 60 peregrinos chegados da illa canaria da Palma
AMSGO: Ames prepara unha campaña solidaria con La Palma