Pestanas principais

O alcalde de Ames trasládalle aos representantes dos taxistas a decisión do Concello de autorizar a colocación de publicidade nos vehículos con licenza de autotaxi

Xoves, 15 de novembro de 2012

[15-11-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu a representantes dos taxistas do municipio para trasladarlles a decisión do Concello de autorizar o establecemento de publicidade nos vehículos con licenza de autotaxi. O rexedor informou aos taxistas de que poderán colocar nos seus vehículos adhesivos publicitarios de dimensións non superiores aos 30x60 centímetros nas portas traseiras. Santiago Amor destaca que “con esta decisión dáse resposta a unha solicitude que viñan manifestando nos últimos tempos os titulares de licenzas de autotaxi para que se lles autorizase a colocación de publicidade, unha cuestión que para este sector reviste unha especial importancia tendo en conta o actual momento de crise económica”.

O encontro celebrouse na Casa do Concello e el asistiron José Dante Hermo, taxista do Milladoiro, e Andrés Núñez, de Bertamiráns, que estiveron acompañados polo responsable da Policía Local de Ames. Na reunión, ademais de tratar o tema da publicidade, os taxistas expuxéronlle ao alcalde a posibilidade de reubicar as paradas de Bertamiráns e Milladoiro.

En materia de autotaxis, no Concello de Ames existe unha ordenanza reguladora da taxa polas correspondentes licenzas, pero polo de agora non hai unha ordenanza reguladora do servizo. A principal razón pola que non foi abordada a elaboración de dita ordenanza reguladora é que está en trámite de aprobación pola Xunta de Galicia dunha normativa autonómica que introduce na materia importantes novidades e modificacións.

Os titulares das licenzas de autotaxis do municipio amiense veñen solicitando nos últimos tempos que se lles autorice a colocación de publicidade. Por esta razón, o Concello de Ames, tendo a firme intención de elaborar unha ordenanza reguladora do servizo e á espera de que sexa aprobada a lexislación autonómica sobre a materia, busca con esta decisión dar unha solución á petición expresada por este sector.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames trasládalle aos representantes dos taxistas a decisión do Concello de autorizar a colocación de publicidade nos vehículos con licenza de autotaxi"