Pestanas principais

O alcalde de Ames solicítalle colaboración á Xunta de Galicia para dar unha solución definitiva aos problemas de recepción da TDT en diferentes puntos do concello

Mércores, 16 de outubro de 2013

[16-10-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, reuniuse co subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia da Xunta de Galicia, Ignacio Otero, para abordar a calidade da recepción da sinal de TDT no municipio e o mantemento dos reemisores. O obxectivo desta reunión foi solicitar colaboración para dar unha solución definitiva aos problemas de recepción da sinal de televisión que se rexistran en distintos lugares do municipio.

No encontro, o rexedor amiense trasladoulle ao subdirector xeral algúns problemas de recepción do sinal de TDT que se rexistran en varios puntos do concello. Por exemplo, Santiago Amor manifestoulle que varios veciños e veciñas trasladáronlle ao Concello o seu malestar debido á baixa calidade de recepción da sinal de TDT nos lugares da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Unha vez detectado este problema, o Concello encargoulle o estudo e análise destes feitos a unha empresa, que comprobou que no citado lugar existe unha zona que non ten unha correcta cobertura de TDT.

Ante esta situación, o alcalde de Ames solicitou que se adopten as medidas necesarias para que se produza unha correcta recepción da sinal de televisión nestes puntos do municipio. Na reunión, tamén se abordou a situación dos reemisores de TDT cos que conta o Concello, un total de 5, dos que tres son xestionados por Retegal. O rexedor solicitou que os dous reemisores restantes tamén sexan xestionados por esta entidade e que se amplíe, na medida do posible, o número de canles de cada un destes reemisores.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames solicíta axuda á Xunta para solucionar os problemas de recepción da TDT en varios puntos do concello"