[15-06-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e co deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira. Neste encontro, que se produciu despois da solicitude feita polo rexedor amesán, falouse da situación das infraestruturas deportivas existentes en Ames e da necesidade de dispor de novas instalacións que dean cobertura a ampla demanda da veciñanza amesá. Ademais, dende o Concello envióuselle unha solicitude formal por escrito á Deputación para tratar de obter os fondos necesarios para cambiar o firme do pavillón de Bertamiráns co fin de que cumpra os requisitos técnicos necesarios para a competición.
José Miñones expúxolle ao presidente da Deputación da Coruña a situación actual das instalacións deportivas de Ames, desbordadas ano tras ano polo continuo crecemento da poboación amesá. Na actualidade, nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro existen dous pavillóns polideportivos, dous campos de fútbol e dúas piscinas descubertas. Ademais, no Milladoiro hai dúas canchas de tenis exteriores (dedicadas tamén ao baloncesto e fútbol sala) e outras dúas pistas nas que se pode practicar baloncesto ou fútbol sala. En Bertamiráns existen dúas canchas exteriores de baloncesto e fútbol sala. Por último, na urbanización de Aldea Nova hai unha pista de pádel descuberta. A estas instalacións hai que sumarlle un total de 15 pistas polideportivas que están repartidas pola zona rural.
Segundo explica o rexedor municipal “sendo Ames o concello máis xove de Galicia estas instalacións son claramente insuficientes”. Miñones tamén resaltou “a falta de instalacións e zonas de xogo que existen nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Na franxa de idade que vai dos 10 aos 35 anos hai censadas 2.378 persoas en Bertamiráns e 3.723 no Milladoiro. Isto representa un 30% da poboación total que está censada nos dous núcleos urbanos de Ames, polo que un terzo da poboación, cando menos, utiliza de xeito asiduo estas instalacións, sen ter en conta aos rapaces menores de 10 anos e ás persoas maiores de 35 anos que tamén practican deporte diariamente”.
Na actualidade os dous pavillóns non contan cunha superficie axeitada para a práctica de deportes como o voleibol ou a patinaxe, onde máis de 300 rapazas practican deporte a diario. O goberno municipal apostou dende o inicio polo deporte feminino e de aí que a preferencia na utilización destas instalacións vaia para este colectivo como primeira medida. Nas subvencións do vindeiro ano será valorado positivamente o feito de contar con mulleres nas disciplinas deportivas.
Ameaza federativa do voleibol
O goberno municipal consciente da pouca inversión en materia deportiva dos últimos anos decidiu apostar por unha importante inversión neste eido a través de diferentes plans provinciais. Na actualidade o concello de Ames conta cun pavillón polideportivo en Bertamiráns cunha superficie de cemento pulido. Neste pavillón o club voleibol Bruxas compite dende os últimos anos contando na actualidade con máis de 150 rapazas entre as súas filas, distribuídas en diferentes categorías.
Miñones explica que “recentemente a Federación de Voleibol vén de notificarlle ao Club Voleibol Bruxas a imposibilidade de seguir competindo na vindeira temporada polas condicións do firme do pavillón, xa que non cumpren cos requisitos técnicos necesarios para a competición. A adecuación da pista polideportiva aos requisitos da competición federada, obriga á instalación dun parqué de características técnicas axeitadas para a pisada e que ascende á cantidade de 81.831 euros”.
Esta situación foille explicada ao presidente da Deputación para tratar de obter os fondos necesarios que palien esta situación. Dende a Deputación trasladouse a preocupación que isto supón tamén para o ente provincial acordando mirar a posibilidade de solucionalo o máis axiña posible. Ademais, dende o Concello envióuselle unha solicitude formal por escrito á Deputación para tratar de obter estes fondos de cara a comezar a obra neste mesmo verán. Para Miñones "a predisposición do presidente do ente provincial para arranxar a situación danos confianza para poder acometer este importante investimento".
Actualmente o Concello conta cun proxecto técnico aprobado para o cambio do firme, pero non ten capacidade económica para a súa instalación, motivo polo que se lle solicitou á Deputación da Coruña unha subvención directa para poder acadar este obxectivo o antes posible e que no inicio da temporada cumpra cos requisitos da Federación. Cómpre lembrar que o goberno incluíu no PAS a instalación do novo pavimento deportivo para esta infraestrutura, pero na actualidade o PAS aínda non está aprobado pola Deputación o que atrasaría a obra necesaria non chegando para o inicio do curso.
Gradas cubertas do campo de fútbol do Milladoiro
Ademais, dentro do POS incluíuse a execución das gradas cubertas do campo de fútbol do Milladoiro, que teñen un previsible custo de 91.536,56 euros. O inicio de expediente de contratación destas obras xa foi aprobado en Xunta de Goberno Local e permitirá dotar a esta instalación dun lugar pechado para os afeccionados. Trátase dunha obra que vén sendo reclamada dende hai tempo por parte do Milladoiro Sociedade Deportiva, que ata o de agora non se executou.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames solicita a la Diputación ayudas para mejorar recintos deportivos del municipio"
El Correo Gallego: "Solicitan mejoras a la Diputación para instalaciones"




