Pestanas principais

O alcalde de Ames, Santiago Amor, visitou hoxe o IES de Bertamiráns para felicitar aos participantes na Olimpíada galega de Bioloxía

Luns, 02 de febreiro de 2015

[02-02-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, fixo esta mañá unha visita ao IES de Bertamiráns acompañado do edil de Educación, Bernardo Moar, e a nova concelleira do grupo de goberno Ana Ruso. No centro educativo reuniuse con algúns dos rapaces que participaron en Vigo na fase autonómica da X Olimpíada de Bioloxía e animounos a seguir “polo camiño do esforzo persoal para conquistar o seu futuro”. Ademais das felicitacións e desexarlle novos éxitos, Amor díxolles que eran “unha referencia” para os demais estudantes amesáns.

Nerea Montes Pérez, alumna de segundo de Bacharelato no IES de Bertamiráns, foi unha das primeiras clasificadas neste certame celebrado o pasado 16 de xaneiro. Xunto a ela houbo outros dous gañadores: un alumno do colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela e outro do colexio Eirís da Coruña. Estes tres estudantes formarán a delegación galega que acudirá a fase nacional da X Olimpíada de Bioloxía que se desenvolverá a mediados do mes de marzo en León. O alumnado que gañe esta fase do certame terá que acudir no vindeiro mes de setembro a Dinamarca para participar na fase internacional.  

Os alumnos amesáns destacaron “a súa satisfacción pola experiencia vivida na Olimpíada de Bioloxía e por coñecer a Universidade onde queren estudar o vindeiro curso”. Nerea Montes decidiu presentarse a esta proba “para reforzar os meus coñecementos de bioloxía, e ao mesmo tempo, vivir unha nova experiencia”. Recoñece que non esperaba ser unha das gañadoras porque, segundo indica, “había moita competitividade entre o alumnado pero estou moi contenta co resultado”.  

O rexedor local valorou o traballo dos alumnos e felicitou á dirección do IES de Ames “por facer deste centro escolar un referente en innovación educativa, calidade docente e socialización do alumnado”. Ademais agradeceu o traballo realizado polo profesor Roberto Amarelle e pola profesora Lola Romalde, que foron os encargados de preparar ao alumnado para esta proba.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello felicita al IES por su participación en la Olimpíada de Bioloxía"