[20-01-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, estiveron esta mañá cos veciños da parroquia de Lens, para organizar e programar os traballos que se recollen no proxecto de asfaltado que se vai executar neste lugar. Esta actuación, que foi adxudicada polo importe de 52.819,45 euros, está sufragada con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2014 da Deputación da Coruña. O obxectivo da obra é actuar sobre zonas nas que o pavimento está deteriorado para mellorar a seguridade dos vehículos e peóns que transitan por elas.
Actualmente estase realizando a apertura de gabias e a limpeza de cunetas dos treitos de estrada que posteriormente se asfaltarán. O alcalde e o concelleiro de Obras, xunto con dous veciños do lugar, percorreron a aldea de Lens e estableceron os lugares onde se van a colocar as caixas de drenaxe para que haxa unha correcta evacuación das augas. Tamén viron os puntos que están máis estragados da estrada e aqueles lugares que son susceptibles dalgunha actuación concreta.
Santiago Amor destacou que “son unhas obras moi necesarias que xa levan demandando os veciños e veciñas desta aldea dende hai anos”. Amor engadiu que dende o goberno municipal “dáselle cumprimento a un compromiso adquirido con estes veciños co obxecto de mellorar a seguridade dos vehículos e peóns que transitan por esta estrada”.
As devanditas obras desenvolveranse en seis treitos de 230x3,00; 350x4,00; 95x3,50; 85x4,00; 150x3,50 e 200x3,50 metros. Ademais, actuarase en 450 metros cadrados de sobreanchos. A través destas obras mellorarase a capa de rodaxe da estrada que discorre polo interior da aldea de Lens cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a superficie. Previamente, realizarase a reparación das fochancas e perfilaranse as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.




