[06-02-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, reuniuse na tarde de onte en Madrid con representantes do Ministerio de Fomento para buscar fórmulas que alivien a densidade de tráfico que soporta actualmente a travesa do Milladoiro. A xuntanza do rexedor celebrouse co Secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, Julio Gómez Pomar, o director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, e o Asesor Parlamentario da Ministra de Fomento, Juan Antonio López Aragón.
A solución que se propón é desviar a circulación dos vehículos pesados pola autovía AG-56 de Brión para enlazar na saída cara a Laraño e Pardiñas co corredor que vai ás Galanas, onde se entraría de novo na estrada N-550. Esta opción, en forma de triángulo, ten unha lonxitude de aproximadamente seis kilómetros.
O alcalde Amor destaca que esta alternativa é “moi razoable, porque aproveita ao máximo as infraestruturas existentes e proporciona unha solución aceptable e áxil que permita retirar da travesa do Milladoiro unha densidade moi alta de circulación pesada, facendo máis segura e humana esta vía saturada”. Representantes ministeriais explican que deben facer xestións coa Xunta de Galicia para acometer este proxecto, xa que a AG-56 é de competencia autonómica.
A xuntanza en Fomento prodúcese tralo encontro entre o alcalde amesán e a ministra Ana Pastor que celebraron en novembro en Santiago con motivo do inicio das obras da rotonda de Conxo.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Amor propone a Fomento el desvío de camiones de Milladoiro por la AG-56 y el corredor de As Galanas"
El Correo Gallego: "O alcalde de Ames reuniuse en Madrid con dirixentes de Fomento para buscar alternativas á saturación na travesa do Milladoiro"




