[12-05-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, mantivo nos últimos días diversas xuntanzas de traballo coas ANPAS dos colexios de Ventín, A Maía, Agro do Muíño e Barouta, así como co IES de Ames, ubicado en Bertamiráns, reunión na que tamén participou o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana. Amor tamén celebrou senllas reunións cos directores dos colexio Agro do Muíño e A Maía.
As principais demandas da comunidade educativa refírense a obras de mantemento e reparación de instalacións, intervencións que se acometen sempre antes do comezo do curso –segundo advirte o rexedor–, así como a diversas actuacións, sobre todo, as que teñen que ver co peche de pavillóns. Tamén amosaron a súa preocupación por reforzar a seguridade viaria, especialmente no CEIP da Maía, ubicado na estrada que vai de Bertamiráns a Negreira. Neste sentido, Amor indica que hai “conversas avanzadas” coa Dirección Xeral de Estradas da Xunta de Galicia para incorporar, entre outras medidas, semáforos na Avenida da Peregrina, á altura do centro escolar. Mesmo se valorou co xefe territorial de Educación a posibilidade de facer un novo acceso para que os autobuses poidan pasar pola Avenida da Peregrina.
O alcalde Amor comprometeuse a encauzar “axeitadamente” estas peticións, así como a trasladar á Xunta de Galicia a necesidade de que reparen algunhas instalacións onde se producen filtracións de auga. “Agora precisamos facer o estudo e valoración económica correspondente de todo e facer os proxectos oportunos”, segundo explica o rexedor amesán.
Amor expresoulles igualmente que o Concello ten “unha especial sensibilidade” polos escolares, porque –sinala– a comunidade educativa é moi numerosa e participativa, cun peso específico na estrutura demográfica de Ames. Engade Amor que se están a dar os primeiros pasos coa Xunta de Galicia para aumentar os equipamentos educativos, “cunha ampliación de terreos en Bertamiráns”, segundo precisa.