[04-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, reasignou esta mañá rangos e atribucións no seu Goberno, logo da renuncia por distintas causas dos edís Bernardo Moar e Eugenia Martín. Os decretos asinados polo rexedor nomean a Alfredo Taboada 1º tenente de alcalde e a Ana Ruso 2ª tenente de alcalde. En sesión plenaria, que se anunciará oportunamente, incorporaranse ao grupo popular, en substitución de Moar e Martín, dúas persoas da lista electoral do PP.
Taboada xunta á área de Medio Ambiente ás súas competencias en Urbanismo e Obras, mentres que Ruso suma Cultura, Deportes e Igualdade ás súas de Xuventude e Voluntariado. Entre tanto, Amor, que tamén levaba Economía e Persoal, agora farase cargo de Educación e Benestar.
O alcalde amesán explica que a lexislatura foi “complicada e agotadora” provocando un “certo cansazo” nalgúns concelleiros na recta final do mandato: “A marcha de Eugenia e Bernardo son por razóns moi diferentes. A ela agradézolle a súa dedicación entusiasta durante estes anos, e a el o seu comportamento político exemplar. Pero a nosa vantaxe é que sempre traballamos en equipo e agrupados, toda vez que eu, como alcalde, sempre estiven atento ao importante e estratéxico, pero tamén ao cativo e rutinario”.
Amor indica que, malia os relevos, os servizos municipais están a funcionar con “normalidade e a pleno rendemento”; aproveita a ocasión para felicitar aos empregados públicos pola súa “seriedade”; e destaca que “cada vez están máis á vista” os logros da xestión e planificación. “Collín un Concello –agrega o alcalde– nunha situación económica extraordinariamente difícil, que se normalizou; acondicionamos zonas urbanas e rurais que levaban anos esperando as melloras; impulsamos de forma significativa a participación social e deportiva, atentos sempre á conciliación familiar e laboral, así como a dinamización cultural; e reactivamos proxectos de infraestruturas básicas en tempos de absoluta penuria económica, como a depuración e a mobilidade”.
O rexedor conclúe que cómpre finalizar, “sen desmaio nin demora, a programación e xestión que respaldaron os veciños hai catro anos, agora que só faltan oitenta días para a nova cita coas urnas”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Amor remodela el gobierno de Ames a la espera de dos nuevos concejales"
El Correo Gallego: "PP y oposición contra la exedil de Ames que sólo Amor apoya"




