Pestanas principais

O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu esta semana á nova comisión de festas da Peregrina de Bertamiráns

Sábado, 24 de xaneiro de 2015

[24-01-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu esta semana na Casa Consistorial aos novos membros da comisión de festas da Virxe da Peregrina. O seu presidente, Andrés Núñez, acompañado do vicepresidente, a secretaria e o tesoureiro, solicitou ao rexedor local a colaboración do Concello na organización das festas patronais de Bertamiráns.

Os actos celebraranse a segunda fin de semana de agosto -o sábado 8 e o domingo 9- e aínda que non teñen pechada a programación, Núñez adianta que actuarán dúas orquestras cada día, haberá unha sesión vermú, atraccións para os máis pequenos e os tradicionais actos relixiosos. Previamente, no mes de xuño, a comisión organizará unha sardiñada popular para recadar fondos.  

A comitiva recoñece que “aínda hai moito que facer e son tempos difíciles para as familias pero estas datas son festexadas por todos os veciños e é importante continuar celebrando a festa da Peregrina”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La comisión de fiestas de Bertamiráns pide colaboración"