Pestanas principais

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o alcalde de Negreira, José Blanco, visitaron ao alumnado da Fundación de discapacitados psíquicos da comarca de Negreira

Xoves, 22 de novembro de 2012

[22-11-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o alcalde de Negreira, José Blanco, visitaron esta mañá as instalación da Fundación de discapacitados psíquicos da comarca de Negreira. Este centro conta con 19 usuarios/as, dos cales tres alumnos/as (Ramón, Nieves e María del Carmen) son de Ames. O resto son persoas que residen nos concellos de Negreira e A Baña. Os usuarios/as amienses incorporáronse a este centro o pasado 2 de maio de 2012. O Concello de Ames buscoulles un centro máis moderno aos amienses que asistían á aula ocupacional Adames, que estaba situada na antiga escola unitaria de Tapia. Este centro ofrece un servizo de maior calidade e cun horario máis amplo (de mañá e tarde).

Dende o pasado mes de maio o alumnado que asistía a aula ocupacional Adames cambiou as aulas da antiga escola unitaria de Tapia por un centro moito máis moderno e con máis servizos. O Concello de Ames, en colaboración coas familias das persoas que participaban neste servizo municipal, decidiron buscar un centro con máis servizos e unha atención moito máis personalizada, para todas as persoas que participaban na aula ocupacional Adames.

A Fundación de discapacitados psíquicos da comarca de Negreira ofrece moitos máis servizos que a antiga aula ocupacional Adames, xa que este servizo municipal só ofrecía servizo durante as tardes. Pola contra, o centro ocupacional de Negreira ofrece servizo de luns a venres, en horario de 10:00 h. a 17:00 horas. Ademais, este centro dispón de servizo de comedor, dunha sala de lecer con televisión, sala de informática, etc.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o alcalde de Negreira, José Blanco, estiveron falando cos alumnos/as para coñecer as actividades que realizan neste centro. Santiago Amor estivo falando coas tres persoas que se incorporaron ao centro ocupacional de Negreira, para coñecer o seu grado de satisfacción durante estes sete meses que levan asistindo a este centro. O alumnado explicoulle aos dous rexedores que fan encadernacións de libros, enmarcan cadros, decoran diversos utensilios, elaboran broches e chaveiros. Os/as amienses mostraron a súa satisfacción tanto co equipo profesional do centro coma con todas as actividades que desenvolven ao longo do día.

Segundo explica Santiago Amor, “esta visita foi un compromiso que adquirín cos alumnos/as que asistían á aula ocupacional de Tapia”. Unha vez instalados no novo centro o rexedor amiense cumpriu a súa palabra e foi a ver a estas tres persoas para coñecer o seu grao de satisfacción co centro ocupacional de Negreira. Santiago Amor coñeceu de primeira man os traballos e actividades que realizan estas persoas diariamente e destaca que “un dos traballos que máis me sorprendeu foi o das encadernacións. Dende o Concello váiselle encargar traballos de encadernación a este centro xa que realizan un traballo moi profesional”.

A Fundación de discapacitados psíquicos da comarca de Negreira é un centro ocupacional que acolle a persoas cunha discapacidade psíquica maior a un trinta e tres por cento, e que sexan válidas por si mesmas, coa finalidade de preparalas para o acceso a formas de vida normalizadas, mediante a realización de actividades nun réxime o máis semellante ó normal, sendo o obxectivo principal do centro a integración do discapacitado psíquico no seu entorno tanto laboral como social. A Fundación ten un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia para contribuír ó mantemento do centro ocupacional.

Servizo de comedor e transporte
A Fundación, que foi inaugurada en 1998, ofrece servizo de comedor con menús deseñados por unha dietista, servizo de transporte para os usuarios do centro, e servizo na área de formación ocupacional (obradoiros de enmarcación, encadernación, informática e manualidades). Tamén se inculcan hábitos sociais, hábitos de vida no fogar, hábitos de saúde, habilidades de utilización dos servizos da comunidade, habilidades de lecer, etc. Por outra banda, realizan actividades físicas como ximnasia de mantemento, acoden a sesións de hipoterapia con cabalos e reciben unha atención psicolóxica especializada. As persoas amiense que acoden a este centro desprázanse no vehículo de transporte adaptado do que dispón o Concello de Ames.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames e o de Negreira visitaron ao alumnado da Fundación de discapacitados psíquicos da comarca de Negreira"