Pestanas principais

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitaron esta mañá as obras da futura escola infantil de Bertamiráns

Xoves, 19 de febreiro de 2015

[19-02-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitaron esta mañá as obras para a construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns, que contará con 82 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Á visita tamén acudiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a edil de Xuventude, Ana Ruso, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e varios técnicos municipais e da Xunta de Galicia.

A Consellería de Benestar prevé que os traballos estean rematados este verán e, segundo afirmou a súa titular, “a escola poderá estar en funcionamento ao longo do próximo curso escolar”. O centro será o segundo da Rede A Galiña Azul de Ames: “as dúas escolas foron creadas e postas en marcha polo Goberno galego” –recordou Mato–. Deste xeito, elevaranse ata 184 o número de prazas que a Xunta oferta no municipio amesán.  

Pola súa parte, o rexedor local destacou que “para un concello como o de Ames, contar cunha nova escola infantil é máis que unha necesidade. Somos o municipio máis novo de Galicia, cun notable pulo de nacementos que nos obriga a estar na vangarda das políticas relacionadas coa familia e a xuventude”. Amor sinalou que esta escola será “un importante instrumento para facilitar a conciliación laboral das nosas familias”.  

Características da escola infantil  
A infraestrutura está situada nunha parcela que se atopa na rúa do Muíño e a superficie total construída é de 656,35 metros cadrados. O importe de execución desta obra ascende a uns 736.000 euros, asumido nun 60% polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o 40% restante polo Concello de Ames.  

As 82 prazas do centro educativo distribuiranse en seis aulas, dúas para cada grupo de idade. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 m2; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unha dimensión de 36 m2. O inmoble está deseñado en planta baixa. Ao sur estarán as aulas e na zona norte haberá unha sala de usos múltiples, unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos, unha sala para o profesorado e un despacho para a dirección do centro.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La nueva escuela infantil de Ames estará lista en verano"
El Correo Gallego: "Ames abrirá o vindeiro curso a nova escola"