[11-11-2014] Tras reunirse coa conselleira de Medio Ambiente, o rexedor destaca que a nova instalación case duplicará o servizo, que pasará de 18.000 a 30.000 veciños.O investimento da Xunta de Galicia acadará os 6,5 millóns de euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, reuniuse esta tarde coa conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, por espazo de unha hora e cuarto, coa que tratou sobre diversos asuntos relacionados co saneamento no concello amesán. Tras a xuntanza, o alcalde de Ames anuncia que está avanzada a redacción do proxecto da ampliación da depuradora de Sisalde.
O proxecto desta ampliación ascende a 6,5 millóns de euros e dará servizo a uns 30.000 habitantes. A infraestrutura hidráulica que funciona nestes momentos abriuse en 2001 e, na actualidade, dá servizo a 18.000 residentes.
O alcalde de Ames agradece a sensibilidade da consellería para corrixir o principal problema que presenta a depuradora actual, a insuficiente capacidade para atender correctamente a tantos veciños: “Esta situación xera unha saturación da instalación, xa que a metade do caudal non pasa polo proceso de depuración, producíndose vertidos ao río Sar. Unhas deficiencias que serán solucionadas coa ampliación prevista”.
O Concello reservou 17.000 metros cadrados para a ampliación, aínda que se prevé só unha ocupación de 4.000. Esta actuación figura no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa da Xunta de Galicia.
Saneamento conxunto para Piñeiro e Troitosende
Na xuntanza celebrada esta tarde, na que tamén participou o alcalde de A Baña –Andrés García Cardeso–, tamén se abordou un proxecto para sanear conxuntamente as parroquias de Piñeiro (Ames) e Troitosende (A Baña) por valor de 1,8 millóns de euros. A redacción da primeira fase comezará proximamente.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Medio Ambiente anuncia de nuevo la ampliación de la depuradora de Sisalde"
El Correo Gallego: "Amor indica que “está avanzada” a redacción da depuradora de Sisalde"




