[19-12-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, reuníronse esta semana coa ANPA e co director do Centro de Educación Infantil e Primaria de Barouta. O vindeiro ano, o colexio celebrará o seus 25 anos, e con motivo desta efeméride, a dirección quere programar unha serie de actos culturais, que se desenvolverán ao longo do segundo e terceiro trimestre escolar.
A institución educativa está realizando encontros con entidades públicas e privadas para conmemorar o seu primeiro cuarto de século. Unha das accións previstas é a colocación de carteis nas instalacións do centro co lema “25 anos ensinando, 25 anos aprendendo”. Ademais, organizarán actuacións musicais e unha exposición de fotografías que amosen o paso do tempo.
“Queremos implicar aos antigos alumnos na celebración desta importante data”, sinala o director Jesús Seaje. Para iso realizarán unha campaña de recollida de anécdotas, que se plasmarán nun libro.
O CEIP Barouta conta na actualidade cun total de 235 alumnos, con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos.




