Pestanas principais

O alcalde de Ames reunirase este luns, 13 de decembro, co presidente da Xunta de Galicia para avanzar en temas de vital importancia para o concello

Domingo, 12 de decembro de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, será recibido mañá, 13 de decembro, nas dependencias de San Caetano polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Trátase dunha xuntanza de traballo que foi solicitada polo rexedor amesán trala súa toma de posesión como alcalde no pasado mes de abril. Hai máis dunha década que o alcalde de Ames non visita ao presidente da Xunta en San Caetano. En dito encontro abordarase a posible ampliación da depuradora de Sisalde; a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns; a construción dun Centro de Día de atención a maiores; e a creación de novas vías de comunicación no Milladoiro para tratar de reducir o tráfico na N-550.

O alcalde de Ames, Blas García, abordará este luns, 13 de decembro, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, diferentes temas de vital importancia que lle permitirían ao concello de Ames seguir medrando e mellorando os servizos que presta a súa veciñanza. O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a importancia de dita reunión para poder trasladarlle ao presidente da Xunta as necesidades que ten Ames. Teño que agradecerlle a Alberto Núñez Feijóo a súa boa disposición para recibirme en San Caetano”.

Unha reclamación histórica é a necesidade de ampliar a depuradora de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes. Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender.

Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volveu a facer un informe no que se indica que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova EDAR.

Ampliación do centro de saúde de Bertamiráns
Outros dos asuntos a tratar será a posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns onde se atende a 15.671 pacientes. Dende o Goberno municipal de Ames váiselle trasladar ao presidente da Xunta a necesidade de ampliar este centro de saúde debido ao incremento poboacional de Bertamiráns.

Cómpre lembrar que o pasado 28 de outubro na visita feita a dito centro de saúde, despois das obras de remodelación feitas no ambulatorio, o alcalde de Ames, Blas García, comprometeuse co delegado Territorial da Xunta de Galicia para a provincia de A Coruña, Gonzalo Trenor, a que de ser necesario o Concello fará as dilixencias necesarias para cederlle ao SERGAS o terreo que o Concello posúe á beira do centro de saúde para poder executar dita ampliación.

Construción dun Centro de Día
Por outra banda, Blas García proporalle a Alberto Núñez Feijóo a construción dun Centro de Día de atención a maiores. Ames, que supera os 32.000 habitantes, conta cunha poboación eminentemente nova, pero tamén dispón dunha ampla franxa de poboación maior de 60 anos que necesita de servizos. Cómpre lembrar que o concello de Ames non dispón de ningún Centro de Día público, polo que nos últimos anos estáselle solicitando a Xunta a execución de dita infraestrutura para prestar dito servizo á poboación maior.

Novas vías de comunicación para O Milladoiro
O Goberno municipal está traballando en vertebrar o núcleo do Milladoiro coa humanización da avenida Rosalía de Castro. Segundo explica o alcalde de Ames, Blas García, “a tendencia natural de crecemento do Milladoiro e cara os lugares de Ventín e de Paramuíño, polo que haberá que crear novos enlaces coa AG-56 e co corredor AC-522 que vai dende As Galanas ata a AG-56 en Pardiñas”.

O obxectivo é crear novas vías de comunicación alternativas para aliviar a densidade de tráfico actual que soporta a N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Para iso habería que crear novas vías de entrada e saída dende o polígono Novo Milladoiro e dende os lugares de Ventín e Paramuíño que enlacen co corredor AC-522 e coa AG-56.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El alcalde de Ames aborda con Feijoo prioridades para el municipio"

El Correo Gallego: "O presidente da Xunta reúnese no seu despacho, e por primeira vez en dez anos, cun alcalde de Ames"

Imaxe do centro de saúde de Bertamiráns